Patrocinado porPatrocinado por

Rías Baixas autoriza un máximo de 13.500 quilos de uva por hectárea

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Martina Miser

O consello aumenta os rendementos, algo que non facía desde o 2011

26 jul 2021 . Actualizado a las 20:45 h.

Unha das funcións do consello regulador de Rías Baixas é controlar a calidade e a cantidade de uva que producen os viticultores. Deste xeito, esta entidade fixa tódolos anos o que se chaman os rendementos, que é a cantidade máxima de uva que un produtor pode recoller por hectárea. Dende sempre, a denominación de orixe é bastante contraria a incrementar estes rendementos, que por norma xeral están establecidos en 12.000 quilos por hectárea. Sen embargo, este ano os viticultores amparados por esta denominación de orixe van poder recoller algo más, ata 13.500 quilos por hectárea. Así a lo menos o asegura Unións Agrarias, quen afirma que o consello regulador aprobou unha medida que eles xa solicitaran durante o pasado mes de xuño.

A pesar das inclemencias meteorolóxicas, todo parece indicar que o sector do albariño está ante unha colleita abundante e de boa calidade. Tendo en conta estas previsións, Unións Agrarias propuxo ao consello regulador no pasado mes de xuño a posibilidade de que se ampliasen os rendementos, para que os viticultores puidesen comercializar toda a produción que está nas súas vides. É esta unha reivindicación que a organización agraria presenta en boa parte das campañas. A diferenza, aseguran en Unións Agrarias, é que este ano foi tida en conta. O pleno do consello debateu e aprobou a proposta o pasado venres, autorizando que nesta campaña se aumentase os rendementos por hectárea nun 12,5 %. Con esta medida, a organización busca «dotar de maiores garantías aos viticultores e evitar que estes se vexan forzados a deixar uva sen recoller», argumenta. 

Sen existencias

Á formación asegura que, neste ano, as adegas carecen practicamente de existencias e por iso considera que non tería sentido poñer trabas para que os produtores vendesen ao amparo da denominación de orixe a maior cantidade posible dunha uva que «foi producida nas parcelas de Rías Baixas e ofrece todos os parámetros esixibles para ser etiquetada como tal», afirma. Por iso insiste en que a modificación aprobada supón un importante respaldo para os viticultores de Rías Baixas, que contarán con maiores garantías á hora de dar saída a unha colleita que se prevé abundante, evitando así que quede uva sen recoller. Ao mesmo tempo, esta medida tamén evitará «que se cree un mercado paralelo que unicamente favorecería a baixada dos prezos percibidos polos agricultores e a fraude», engade.

Unións Agrarias tamén recorda que o consello regulador non aprobaba unha medida destas características desde o ano 2011, a pesar de que, na súa opinión, é unha iniciativa que axuda á preservación da viticultora social e da protección dos pequenos produtores. De feito, pon en valor o aumento dos rendementos coma unha proposta que «permitirá cubrir as necesidades de abastecemento de uva das adegas nun marco de máximas garantías de prezo e de óptimas condicións para os produtores». A formación insta ao consello regulador a seguir traballando para dotar da máxima transparencia ás relacións entre adegas e viticultores e a reforzar os traballos de inspección e control para garantir unha sintonía entre o volume das colleitas detectado nas parcelas e a cantidade de uva que entra nas adegas, «de xeito que se evite o desperdicio de produción e se garanta a máxima calidade dos viños producidos na denominación, evitando calquera posibilidade de entrada de materia prima externa», conclúe.