Os primeiros pementos de Herbón da tempada xa están á venda no mercado

Comercialízaos a firma Evangelina y Gómez nas prazas de Padrón e Santiago


padrón / la voz

Os primeiros pementos de Herbón da tempada xa están no mercado. A mediados deste mes, a firma familiar Evangelina y Gómez da parroquia de Padrón empezou a vendelos nas prazas de abastos da capital do Sar e de Santiago, aínda que en pouca cantidade. «Mira como está esta planta de pemento, chea de flor», di Antonio Martínez, que rexenta a firma xunto coa súa muller María del Pilar Gómez.

A plantación este ano nos invernadoiros foi, no seu caso, unhas dúas semanas máis tarde do habitual, case a finais do mes de xaneiro pero, aínda así, as plantas están «bonitas», tal e como afirma o produtor. Isto débese, engade, a que xa tiñan bo tamaño cando se plantaron e «os días de calor de aí atrás déronlle a vida», asegura Antonio Martínez. Non menos importante é un terceiro factor: «as plantas están máis coidadas que os rapaces pequenos», di entre bromas.

No momento da plantación, o produtor recoñeceu temor a que os talos puideran pudrir a causa da elevada humidade que había, e así foi nalgún caso. Agora, a humidade fai que se lle caia a flor ás plantas polo que «os invernadoiros non poden estar abertos día e noite como deberían. Se abres moito, non se lle logra a flor», explica Martínez. Di que, tal e como están as plantas cargadas de flor, de mellorar as temperaturas das noites «fartábanse de dar pementos» xa que as horas nocturnas quedan moi frías para o cultivo do pemento. «Están esperando polas noites quentes», sinala.

Xa hai demanda do produto, sobre todo na restauración

Mañá comeza a tempada de venta de pementos de Herbón coa etiqueta da máxima calidade: a Denominación de Orixe Protexida (DOP). Baixo o seu amparo, o ano pasado comercializáronse un total de 83.500 quilogramos, segundo os datos facilitados onte polo Consello Regulador da DOP.

En canto aos primeiros pementos deste ano, o prezo de venta «non varía dun ano para outro», tal e como di un dos titulares da firma Evangelina y Gómez, adherida á Denominación de Orixe, de modo que se venden a seis euros a bolsa. E xa hai demanda de pementos de Herbón, sobre todo na restauración, de acordo con Antonio Martínez.

Nestes primeiros meses de campaña, a produción céntrase a cuberto nos invernadoiros, pero os produtores xa están plantando ou preparando os terreos para o cultivo ao aire libre.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
1 votos
Comentarios

Os primeiros pementos de Herbón da tempada xa están á venda no mercado