Segredos para unha boa poda dos frutais

Inacio Bellas Castro, de Viveiros Gudín (San Sadurniño) e Fruticultor da Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, explícanos a mellor forma de afrontar esta tarefa


Redacción / La Voz

A poda é traballo de especialistas, cuxas técnicas de aplicación se adquiren coa experiencia, aínda que de ningunha maneira poden prescindir de nocións teóricas sobre as características de estrutura e comportamento das plantas. Con este artigo se pretende describir de xeito introdutorio, as bases teóricas de forma esquemática, aínda que a experiencia adquírese coa práctica. A poda precisa, para a súa execución, o coñecemento dunha terminoloxía específica, que hai que asimilar e reter para poder seguir as indicacións propias de cada intervención.

Unha planta que medra en completa liberdade, ademais de resultar anárquica e antiestética, está destinada a terminar de forma prematura a súa modesta carreira produtiva. Árbores ben cultivadas e alineadas segundo un esquema de plantación poden delimitar un xardín, un prado, circundar unha horta, dar flores que igualan, e a miúdo superan, as das plantas ornamentais. En xeral, as plantas xa se adquiren enxertadas, pero pode ser interesante e gratificante facer que unha especie silvestre ou común produza boa froita e flores; ou conseguir ter variedades dun solo exemplar.

Ademais, non hai que esquecer que coa poda e o enxerto se recuperan plantas vellas e danadas, se poden facer brotar novas raíces a plantas en dificultades, ramas enteiras poden substituír as mortas… 

¿Por onde comenzamos?

Podemos comenzar a podar cando lle cae a folla aos frutais, normalmente no mes de Novembro, dende aí ata o comenzo da primavera é a época axeitada para facer calquera actuación de poda nas árbores froiteiras. A mellor época de poda é a partir de finais de Febreiro e durante todo o mes de Marzo, xa que deixamos pouco tempo ás feridas expostas porque en pouco tempo as árbores despertan coa chegada da primaveira e pechan rápidamente esas feridas. Non debemos podar nin en días de choiva ou de xeadas fortes.

As ferramentas a utilizar son ben sinxelas, unha tixeira de podar e un serrucho, eses dous utensilios son os básicos e fundamentais, sempre ben limpos e correctamente desinfectados, algo que poderemos facer con alcol diluido en auga ao 50%, o máis sinxelo e cómodo é levalo nun recipiente có cal poidamos pulverizar a ferramenta antes ou despois de acabar o traballo en cada arbore. Ao cambiar dun a outro sempre debemos de desinfectar todo o que usáramos para podar esa última planta.

 Dependendo da altura e grosor das ramas teremos que usar serruchos máis grandes con mangos telescópicos, motoserras ou tixerias de dúas mans. Hoxe en día hai unha grande variedade de todas estas ferramentas no mercado e como norma básica deberamos buscar comodidade e durabilidade.

A ter en conta

Como apuntamos ao inicio, antes de facer calquera interveción debemos familiarizarnos coas nocións básicas de como funciona unha froiteira. En Galicia a gran maioría ten dúas partes diferenciadas, o patrón que é o pé e aporta ao sistema radicular da planta certas características como poden ser a resistencia a enfermidades, tamaño, maior productividade, etc... e a variedade ou inxerto, que é a parte aérea, coa cal conseguimos a froita que nos queremos. Dependendo da variedade e do tipo de patrón teremos árbores de diferente tamaño, coa poda podemos darlle a forma e altura que nos queremos pero ata certo punto. Unha froiteira que mida, polas súas características, 5 metros, vai tender toda a súa vida a chegar a esa altura. Facendo ben os traballos de poda podemos baixalo ata unha altura axeitada pero nunca ímos conseguir que se queda en moito menos da súa altura natural.

Outra cuestión básica ao comezo é diferenciar entre unha poda de formación, árbores de 2 a 4 anos os cales faremos un par de cortes para darlle a forma que queremos como pode ser en vaso ou en eixo libre, esta poda é fundamental para non ter problemas nun futuro. En froiteiras xa adultas, dependendo do seu estado, faremos simplemente unha poda de limpeza de ramas secas, enfermas, que se entrecruzan entre elas ou que se dirixen ao interior da planta. No caso de árbores que levan anos sen ser tocadas, teremos que facer primeiro esa limpeza e despois ir rareando ramas buscando armonía na estructura e aportando luz e aire a toda a copa.

Có tempo, debemos saber diferenciar as xemas de madeira ou crecemento vexetativo, que serán aquelas onde saia a madeira e as de flor ou frutifcación que delas conseguiremos os froitos. Cando sexa unha planta nova buscaremos crecemento e a partir do terceiro ou cuarto ano quedarnos co máximo de xemas de flor. A simple vista diferéncianse fácilmente, as de madeira son alargadas e pegadas a rama mentres que as de flor son máis gordas e adoptan diferentes formas. Os chamados órganos de fructificación, como poden ser os dardos coroados, bolsas ou lamburdas, estas nos casos de froiteiras de pebida como maciñeiras e pereiras. No caso das de oso serían os ramilletes de maio, mixtos ou as chifonas, todas estas formacións debemos conservalas sempre que sexa posible, tendo en conta sempre que as de pebida dan froita sempre no mesmo sitio e as de oso dan sempre no crecemento do ano.

 Entón ¿cómo facemos?

Á hora de realizar os cortes deberemos facelo sempre por enriba dunha xema, a poder ser de madeira, intentando nin cortar xusto enriba dela nin deixarlle un excesivo tocón, xa que de ser así acabará necrosando e acabará sendo unha zona moi sensible o ataque do chancro, sempre debemos de darlle algo de caída ao corte para axudar a que a auga escoe e non se quede estancanda enriba desa ferida. No caso de cortes xa máis grandes e sobretodo naqueles feitos con motoserra é recomendable limpar a parte exterior, o cambium ou pel da árbore, cunha navalla para que quede o máis lisa posible e axude a unha mellor cicatrización e aplicaremos sempre unha pasta antifúnxica para protexer da entrada e enfermidades nesa zona. Cando se trate de ramas cun bó tamaño e axeitado realizar varios cortes empezando pola punta da rama e indo cara ao interior do tronco ata realizar o último corte. Con esta técnica traballamos de forma máis segura e cómoda para nós e ademáis evitamos esgazamentos da pel que poida producir grandes feridas.

Pasado un tempo irá aparecendo unha aureola ao redor de todos eses cortes que fixemos, se é así e que fixemos o traballo de forma correcta, no caso contrario esa aureola nunca será perfecta e por algunha parte non pechará ben a ferida. Os restos da poda nunca debemos deixalos na finca, sobre todo se retiramos partes enfermas que debemos retirar para queimar ou triturar, para compost ou para usar na horta, pero nunca usalos para abonar as froiterias xa que poden quedar restos de fungos, sobre todo chancro que é a enfermidade máis perigosa na fruticultura.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
16 votos
Comentarios

Segredos para unha boa poda dos frutais