Patrocinado porPatrocinado por

«O sector primario pon o mundo en movemento», di Óliver Laxe

Laura López LA VOZ / LUGO

AGRICULTURA

Óliver Laxe, en Vilela (Cervantes), onde desenvolve un proxecto de dinamización rural
Óliver Laxe, en Vilela (Cervantes), onde desenvolve un proxecto de dinamización rural

O director de «O que arde» reflexiona nunha campaña da USC sobre a oferta formativa lucense e confesa que «hoxe estudaría unha carreira agronómica»

10 jun 2020 . Actualizado a las 13:29 h.

«O sector primario é o futuro e xa estamos a ver que é o que pon o mundo en movemento». Quen así fala é o galardoado cineasta Óliver Laxe, director de O que arde e con raíces nos Ancares lugueses. Faino nun vídeo dunha campaña promocional da USC para pór en valor a grella de títulos de grado impartidos na sede universitaria luguesa. A mensaxe audiovisual, baixo o cancelo #Reseteaoteumundo e coa chamada A natural é a elección máis normal, recolle as impresións de Laxe sobre o Campus Terra de Lugo, do que destaca a súa «gran coherencia».

O cineasta afirma que a provincia pode ser pioneira en moitas cousas, dado o seu fecundo patrimonio material e inmaterial, e anima aos futuros estudantes universitarios a «buscar a súa felicidade e a autorrealización persoal, sen deixarse levar polos medos».

Coa experiencia xa acumulada e cunha mirada da vida universitaria ben configurada logo de completar a súa formación en catro universidades diferentes, Laxe reflexiona sobre as potencialidades formativas, tecnolóxicas e de I+D que depara para o presente e para o futuro a oferta académica do Campus Terra, «unha sede universitaria asociada a valores transversais como a sustentabilidade, o conservación do medio ambiente e, entre outros, a defensa do medio rural», afirman desde a USC.

Implicado de cheo no proxecto de restauración ambiental e dinamización do medio que está a desenvolver en Casa Quindós, na aldea de Vilela, Laxe recoñece que «o traballo que estou a facer aquí é un proceso creativo, é case paisaxismo ou escultura na paisaxe, unha tarefa moi estimulante, estruturadora e sa, como todo o que se fai no campo».

Esencia rural

«Eu son cineasta, pero se tivera que volvera a elixir, creo que daría o paso de optar por un traballo máis relacionado coa miña esencia», unha procedencia rural estreitamente ligada coa figura do «pastor, gandeiro, agricultor... como herdeiro desta casa e sempre ligado a este val dos Ancares». Daquela, engade, «hoxe estudaría unha carreira agronómica ou, en todo caso, ligada coa terra».

Alén dos vencellos de sangue coa terra dos seus antergos e logo de non poucas manifestacións públicas e traballos creativos de éxito que acreditan as súas achegas a prol e en defensa do medio rural, Óliver Laxe recoñece sentir «unha responsabilidade á hora de enfocar os meus estudos e as miñas producións cara a traballar e pór en valor este espazo natural desde o punto de vista da enxeñaría forestal, agrónoma e paisaxística».

Na mensaxe audiovisual, tecida a cabalo dos seus proxectos persoais e as solucións técnicas e tecnolóxicas e o coñecemento que absorbe do Campus de Lugo no eido da robótica, drons, proxectos de silvopastoreo, sistemas de peche de fincas, instalacións agropecuarias..., Laxe convida aos futuros universitarios a priorizar a conservación do medio ambiente, patrimonio natural, benestar animal e, en definitiva, as ciencias da vida e da saúde, á hora de escoller unha carreira, a fin de contribuír así a garantir o equilibrio do planeta e a normalidade.

Proxectos científicos

A participación altruísta do finalista da última edición dos Premio Goya á mellor dirección nesta campaña de promoción do Campus Terra e, por extensión, de posta en valor do medio rural da provincia, remata co ofrecemento de Casa Quindós, a Asociación Río Ser e demais socios cos que colabora, a traballar man con man coa comunidade universitaria luguesa a fin de favorecer a posta en práctica de proxectos científicos e de enxeñaría, optimizar os usos da terra e as súas potencialidades, porque «aí está o futuro», sentenza.