Patrocinado porPatrocinado por

«Sería bo para un produtor pechar o círculo e comercializar directamente»

Carmo López

AGRICULTURA

ALBERTO LÓPEZ

Tras preto de 20 anos producindo en ecolóxico, José Ángel Regueiro repasa os cambios que supuxo a PAC para o campo

29 jul 2020 . Actualizado a las 12:08 h.

Foi un dos primeiros produtores de carne en entrar no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Aos seus 60 anos, José Ángel Regueiro Real viviu toda a transformación do medio rural galego e como a política agraria común (PAC) mudou o xeito de traballar no campo. E foi amais un adiantado ao seu tempo, porque todas as medidas de fomento do coidado do medio ambiente e a sostibilidade que pide agora Bruxelas, como que no horizonte do 2030 o 25 % da superficie agrícola da UE sexa traballada en ecolóxico, xa as leva practicando dende hai máis de vinte anos. Como el di, «no 2000 fixen a solicitude para empezar a producir carne en ecolóxico, ata o 2003 estiven en conversión e no 2005 xa podía certificar». Agora ten unha explotación de cachena en ecolóxico en San Miguel de Bacurín, no concello de Lugo, e ao seu xuízo o ideal para un gandeiro sería poder pechar o círculo e comercializar o seu propio produto.

Vostede aínda recorda cando os campos se traballaban con animais. Dende logo, a transformación do campo foi brutal.

—Recordo traballar na explotación de meus pais durante a ditadura. Daquela apenas había veterinarios. Había un, don Juan Rico, moi famoso. Era o que había para ir a tódalas granxas, que eran moitas máis, pero tamén máis pequenas. Daquela, unha casa con sete ou oito vacas cunha propiedade de vinte hectáreas era unha casa grande. As granxas eran autosuficientes, e rara vez mercaban recursos de fóra. Botaban o millo, o centeo... Hoxe, xa ve, non é o mesmo.

—Daquela eran ecolóxicos, moito antes de que houbera consello regulador.

—Ben, para ser ecolóxico ten que haber alguén que o certifique. Eran explotacións tradicionais, de toda a vida, que facían as cousas do xeito máis natural que se podía.

—Pero os anos foron pasando, España entrou na UE e chegou a PAC. Como fixo mudar o campo galego a política agraria común?

—Cambiouno moito. Chegaron axudas coma as que lle dan á xente nova para poder mellorar e continuar, porque hai que pensar que se os agricultores ou gandeiros temos que vivir do que nos pagan polo noso produto ningunha explotación sería rendible. Non habería ningunha que o fose, porque moitas veces estamos comercializando o que producimos por debaixo do custo, e outras dámolo por prezos tan baixos que non ganas o suficiente para poder vivir do campo sen as axudas da PAC. É a triste realidade da agricultura e da gandaría en Galicia.

—Nos primeiros anos os criterios para acceder ás axudas directas eran uns, e agora parece que van mudar primando criterios enfocados ao coidado do medio ambiente. Din que a partir do 2030 o 25 % da superficie agrícola deberá ser ecolóxica. Parécelle ben ese rumbo que queren tomar?

—O campo galego estaba un pouco atrasado con respecto ao que había no resto de Europa, onde as explotacións eran bastante máis grandes, con 30 ou 40 cabezas de gando. Aquí iso non pasaba. Entón, o primeiro que primou durante o Goberno de Fraga foi facer a concentración parcelaria e promover as cortes novas, meter maquinaria... Mellorar as granxas para que puidesen ser produtivas, máis alá da axuda que daban para a maquinaria, amañar o terreo, facer a corte... Agora iso cambiou [...]. Estanse dando conta de que a intensificación provoca máis problemas de sanidade no gando, e iso pode pasar á xente, polo que están apostando máis polo ecolóxico. Pero iso tencho que certificar tanto a Xunta como o Estado, e as directrices veñen de Europa. E non é só producir nas condicións de ecolóxico: ao mellor unha explotación tradicional case que fai o mesmo que a ecolóxica, pero na segunda certifícano uns técnicos.

—Agora que hai que mirar para adiante, que deberían facer as explotacións de carne para teren futuro nun momento no que prima a sostenibilidade?

—Hoxe sería moi importante pechar o círculo para comercializar directamente a carne. A través de Internet sería unha forma boa de facelo. Pero pechar o círculo non é doado, porque dependemos do matadoiro, do transporte e do envasado, e iso non é fácil. Por iso moitas veces ten que ir a carniceiros ou a matadoiros. Porque é complicado. 

Para ser sostibles hai que camiñar cara a explotacións que fomenten a produción en extensivo. A xuízo deste gandeiro e membro do Craega, iso «é fundamental».

—Pero para iso hai que ter base territorial.

—Mellor ao lado da granxa, porque é moito máis fácil de aproveitar. De ter esa base territorial lonxe, o manexo desas crías daría moito traballo. Por iso a xente nova debe ter capacidade para poder coller territorio ao lado da explotación, e que non sexan parcelas pequenas, que non lles van valer. É a forma de aproveitar o territorio e sacarlle diñeiro.

—Habería que aproveitar fondos que a UE destina a desenvolvemento rural para montar industrias ligadas a pechar ese círculo do que falaba vostede antes?

—Niso estamos traballando entre o Centro Tecnolóxico da Carne e o Craega. Estamos facendo estudos con algúns tenreiros para facer chacina de cachena, porque ese é un produto que consomen moito os países árabes. Porque o problema que temos coa carne de tenreira é que enfocamos todo o consumo ao fresco.

—O que está claro é que temos moi bo produto en Galicia, e hai que valoralo e dalo a coñecer ao consumidor.

—Gando temos do mellor. A rubia galega é excepcional en canto a produción e rendemento. A cachena en canto a calidade non a vaias buscar a ningún outro lado, igual que a limiá ou a caldelá. Esas son razas excepcionais.