«As axudas de desenvolvemento rural xeran actividade económica e dan calidade de vida»
AGRICULTURA
O profesor de Economía Aplicada da USC, Edelmiro López Iglesias, di que sen a PAC a agricultura teríao moito peor, pero hai que buscar o xeito de repartir mellor os fondos
29 jul 2020 . Actualizado a las 12:01 h.A chegada de política agraria común (PAC) a Galicia supuxo, como para o resto de territorios da UE, unha importante achega de fondos, distribuídos entre as axudas directas que complementan as rendas dos agricultores e os que teñen que ver directamente co desenvolvemento rural, que foron sempre o parente pobre das políticas agrarias na UE. Non hai que esquecer, máis alá diso, a función fundamental da PAC no seu nacemento —aínda que cos anos foi perdendo forza—, e que non é máis que a de estabilizar prezos e mercados. Agora que os recortes presupostarios sobrevoan a nova reforma da PAC, que anda en plena negociación, e que os Estados e as comunidades autónomas van ter na súa man unha maior marxe de manobra para poder para repartir eses fondos, o economista e docente de Economía Aplicada da USC Edelmiro López Iglesias fala sobre aqueles campos que deberían ter prioridade no momento de repartir fondos chegados de Bruxelas. Ao seu xuízo, o desenvolvemento rural é fundamental, «pero non hai que esquecer que hai que afinar ben á hora de artellar a qué van destinados».
—O piar dous, o do desenvolvemento rural, foi sempre o parente pobre. Tería que haber un reparto máis equitativo?
—En números redondos do total de fondos da PAC, un 25 % do presuposto vai a políticas de desenvolvemento rural e o outro 75 % vai a axudas directas aos produtores. Dende hai 25 ou 30 anos, cada vez que hai unha reforma da PAC dicimos que o desenvolvemento rural ten que gañar peso, pero despois ves os presupostos e iso non se traducenunha achega de fondos. Penso que, por un lado, o que son as axudas directas —o que leva a maior parte dos fondos— son necesarias, pero a tarefa pendente é lograr un mellor reparto. Porque continúa sendo moi desigual entre territorios e, sobre todo, entre explotacións: as máis grandes son as maiores beneficiarias. Despois está o desenvolvemento rural, que son partidario de potencialo máis, afinando ben a que tipo de medidas dedicas os fondos. En principio, as medidas de desenvolvemento rural poden contribuír moito máis directamente a xerar actividade económica e mellorar a calidade de vida da poboación.
—Di que hai que afinar ben, pero en que?
—Durante moito tempo destináronse fondos de desenvolvemento rural para a xubilación anticipada de agricultores, que é unha medida moi cara. Aplicouse en Galicia ata o 2007. Esas medidas teñen que ir ao cargo do modelo de seguridade social de cada país, e non cargalas a desenvolvemento rural. Outra cousa á que penso que deberían destinarse menos fondos, ou deixar de apoiarse coa política agraria común, son investimentos en infraestruturas rurais: camiños, vías…, porque penso que xa estamos ben dotados. Fronte a iso, onde deberían de concentrarse estes fondos sería en tres liñas de actuación: a primeira sería todo o que son actividades económicas no rural, tanto agrarias como non agrarias, a investimentos produtivos, e especialmente ao apoio de novas iniciativas de xente moza. A segunda serían medidas enfocadas á mellora do medio ambiente, á seguridade dos alimentos e á produción agraria. Un maior apoio á produción ecolóxica, pero tamén á gandaría extensiva a través do que antes eran axudas agroambientais, agora axudas ao medio ambiente e clima. Pasa por apoiar todos aqueles modelos produtivos que produzan alimentos de maior calidade e diferenciados, que van a segmentos máis altos e que son máis sustentables dende o punto de vista medioambiental. A terceira liña centraríase en todo o que mellore a dotación de servizos e calidade de vida no rural: para atención á infancia e á poboación dependente ou para completar o acceso á banda ancha no rural. Estámolo vendo estes días: os rapaces que están estudando na casa precísana, igual que o que quere montar un negocio. A normativa europea permite facer todo iso. É cuestión máis de cada Estado e de cada comunidade autónoma, que son os que teñen a capacidade de dicir a que queren destinar os fondos que lles chegan de Europa. Tamén habería que lograr a nivel europeo maior dotación económica para estas medidas, fronte á que leva habendo nos últimos períodos.
«O que non hai que esquecer é que o Estado e as comunidades din a onde van os fondos»
—Coa nova PAC os Estados poden mover fondos dun piar a outro, non?
—Xa podían no período anterior. O que prevé a proposta do Parlamento Europeo é que poidas mover ata un 15 % dos fondos. Por exemplo, que o 15 % que tes de axudas directas aos agricultores do piar un o poidas pasar a medidas de desenvolvemento rural, e tamén facer o camiño inverso. O problema que hai coas propostas que hai ata agora para o novo período é que globalmente a política agraria común vai ver reducido o presuposto nun 15 %, e, segundo a proposta da Comisión Europea, o recorte máis forte, de forma máis rechamante, sería o de desenvolvemento rural. Os fondos caerían en euros constantes un 25 %, máis ou menos.
—Na súa orixe a política agraria común artellou medidas de control de prezos que, pouco a pouco, foron perdendo forza. As mobilizacións dos agricultores de primeiros de ano poden invitar a volver artellar algo diso?
—Realmente, volver ao que era a PAC antiga, a que había antes de mediados dos oitenta, creo que nin sería viable nin, na miña opinión, tampouco sería bo, porque daquela o que se ofrecía nalgunhas producións agrarias era unha garantía de saída ilimitada de produción, estivese como estivese o mercado, co cal iso acababa facendo que se xerasen excedentes que non tiñan saída no mercado. Volver a iso non o teño claro, pero acabamos no extremo contrario: desmantelamos calquera medida de intervención pública dos mercados. Polo tanto, non estou falando de fixar un prezo por decreto, falo máis ben de intervir en maior medida cando hai oscilacións.
«A PAC debería recuperar ferramentas para ter capacidade de estabilizar prezos»
—Que propón entón, un remedio a medio camiño?
—O que sería bo sería volver recuperar unha maior capacidade pública para facer que non haxa tantas oscilacións de prezos. O mercado europeo está cada vez máis aberto á competencia internacional, e, entón, cando esbirra Nova Zelandia no sector lácteo pois oscílanlles fortemente os prezos aos gandeiros de Arzúa ou de calquera zona de Dinamarca. É preciso atenuar iso; non defendería volver á PAC antiga, a dos primeiros anos, pero defendería que recuperara unha maior capacidade para estabilizar prezos, para que as granxas poidan programar mellor o que facer. Non digo manter artificialmente prezos por riba do mercado a medio prazo, pero ves as series de prezos de calquera produción agraria e observas dentes de serra que mostran no prazo dun ano caídas ou subas do 15 ou 20 %. Iso fai moi complicado planificar a actividade agraria.
—Podería vivir o campo galego sen as axudas da política agraria común (PAC)?
—Toda a agricultura europea teríao moito máis complicado sen PAC, pero dentro diso os produtores galegos dependen menos dela que os do conxunto de España ou da UE. En números redondos, se un mira canto procede das axudas da PAC de cada 100 euros de renda agraria, a media da UE anda ao redor do 30 %, en España está ao redor dese número e en Galicia anda nun 20 %. Non cabe dúbida de que sairían perdendo todas, pero non hai máis que ver que ao falar do sector agrario os galegos son os que menos perderían. Despois depende do sector: os do viño non dependen practicamente nada, pero os do vacún do carne teñen unha dependencia moito maior. E non cabe dúbida de que España é moito máis dependente no cereal e no sector da oliveira.