Patrocinado porPatrocinado por

Curtis terá un polígono agrario 

La Voz

AGRICULTURA

José González explicou este luns aos gandeiros o funcionamento desta fórmula que mobilizará unhas 3.400 hectáreas para dar base territorial ás granxas da contorna

09 mar 2020 . Actualizado a las 19:01 h.

Dotar ás explotacións da contorna da suficiente base territorial para subir a súa eficiencia. Esa é a finalidade do polígono agrícola que porá en marcha a consellería de Medio Rural no concello de Curtis. Dotado dunha superficie de 3.400 hectáreas, forma parte xunto coas aldeas modelo e os polígonos agroforestais da estratexia para mobilizar terras. Este tipo de polígonos tamén están recollidos na futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria, que permitirá mobilizar 10.000 hectáreas cada ano en toda Galicia.

Para explicar aos gandeiros o funcionamento desta figura o conselleiro de Medio Rural viaxou este luns a Curtis, onde explicou que con este proxecto piloto de polígono se promoverá «dun xeito totalmente novidoso unha nova ordenación dos usos agrícola, gandeiro e forestal», de forma coordinada co sector e co concello. Así, por unha banda, buscarase dotar de máis base territorial ás explotacións da contorna, e por outra «ser capaces de atopar zonas nas que se poidan facer polígonos de forraxes ou de pasto para o uso en común», sen esquecerse do aproveitamento forestal para «sacarlle a máxima rendibilidade posible ao territorio nos tres usos».

O titular de Medio Rural lembrou que esta figura de mobilización é totalmente voluntaria e que require da «participación tanto dos propietarios como dos gandeiros». O papel da consellería é mediar entre ospropietarios e os que estén interesados en explotar os terreos, ben por medio da merca ou do arrendamento. 

González aproveitou a viaxe ao concello coruñés para achegarse á feira, onde destacou o importante valor que teñen os mercados locais e de proximidade na comercialización dos productos agroalimentarios. Neste senso recordou a liña de axudas destinadas á rehabilitación deses espazos.