Patrocinado porPatrocinado por

A robótica entra nos invernadoiros

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

AGRICULTURA

ANA GARCIA

Un proxecto de Fonteboa permite automatizar tódolos traballos de horta

11 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mesmo tomando un café en Carballo ou en Cee é posible controlar o crecemento das leitugas da horta de Fonteboa, en Coristanco. Só é preciso un móbil ou un ordenador para que as plantas medren vizosas. Os alumnos do ciclo superior desenvolveron, grazas a un programa da Dirección Xeral de Xuventude, un proxecto polo que xa non é necesario estar no invernadoiro para poder controlar a horta.

Un robot sementa, rega e mesmo pode distinguir e arrincar as malas herbas, aínda que esta fase está aínda nunha fase moi pouco adiantada porque a máquina, como as persoas, ten que aprender.

O proxecto que desenvolven en Fonteboa consiste na construción e programación dun robot que pode facer o papel das persoas no coidado de campo. Traballa, de momento, nun espazo pequeno, de un metro de ancho, pero pódense colocar todos os que se queira sen problemas, ata facer unha plantación suficiente para vivir unha familia.

Ten unha programación libre, que cada un dos usuarios pode utilizar da maneira que queira. Ten un funcionamento moi semellante a un videoxogo, polo que non resulta complicado.

Na pantalla do ordenador ou do teléfono pódense ir colocando nos distintos regos as verduras elixidas e o robot escollerá as sementes que corresponden a cada unha delas. Despois informará sobre o estado das plantas.

O profesor José Manuel Campos, que é o responsable do proxecto, explica que co kit de montaxe e o código aberto é relativamente sinxelo facer o traballo.

A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, estivo onte na escola precisamente vendo os proxectos desenvoltos este ano, o mesmo día que o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria deste exercicio.

Ademais do robot, os alumnos e alumnas da EFA Fonteboa desenvolveron una iniciativa centrada nas mulleres rurais. Fixeron unha serie de enquisas e entrevistas para coñecer o papel no desenvolvemento agrario. O terceiro era sobre o emprendemento xuvenil no rural, en busca da inserción laboral e oportunidades para os mozos.