Unha cabana de monllos de millo en Malpica

Un veciño, axudado por outros dous, ergueu a tradicional construción labrega ao xeito de toda a vida


carballo / la voz

Hai xa moitos anos que non se fan cabanas de millo na comarca. Por moitos motivos. O principal é que non son necesarias, e iso vén dado de que o agro cambiou moito: xa non se esfolla nas medas como antes, nin se deixa a secar a palla de millo en monllos, de pé, na leira. Os poucos que aínda esfollan deixan as pallas repartidas por toda a leira e despois pásanlle as cadeas. Pero antes aproveitábase toda para facer ese pallote ou cabana, con vigas (varais fortes) de pino, creando un espazo interior que valía para gardar a herba seca, aparellos ou o que se quixera.

A introdución é necesaria porque as novas xeracións, e mesmo a non tan novas, xa non lembran nada diso, malia que era habitual ter polo menos unha cabana por casa.

A única consistente que había en pé ata agora, e aí segue, é a de Carreira, en Zas. Moi ben feita pola asociación de veciños, xa leva cinco invernos con este. Agora hai outra, elaborada hai pouco máis de dous meses no lugar de Asalo, na parroquia de Mens, en Malpica. O dono é Francisco Luis García Varela, de 45 anos. El foi o

Un erro no labor supón que se desplome axiña, ou que veña vento forte ou a leve por diante. El xa fixo bastantes de novo, dirixidas polo seu pai, e con esas ensinanzas, e coa axuda de dous veciños, aí se lles foi unha tarde preparando os pinos e o millo e colocándoos ben. Mal non o deberon de facer, porque este inverno non foi dos tranquilos nin en vento nin en auga aí está, resistindo como o primeiro día. E mantendo a tradición ata o estremo: millo recén esfollado (do de fóra, iso si: amarelo e non de cores, como o do país), deixado a secar na leira. E non pouco millo. Calculaba onte o dono que o correspondente a tres ferrados de propiedade.

Tamén lle deixou a preceptiva apertura ao interior... Unha soa, por certo, non dúas como se facía en moitos casos (tamén a de Carreira, ao norte e ao sur), que ademais de facilitar entradas e saídas era un bo sistema para ventilar. Non garda nada dentro, preferiu deixar ese espazo libre para que entren e saian os animais domésticos: polos, galiñas, ovellas... Ata unha cucha que onte andaba por alí e tamén lle chamaba a atención o burato.

A cabana, como era de supoñer, chama moito a atención entre os veciños e os que pasan por alí, xa que se ve dende a estrada. Tampouco é sorprendente: o mesmo ocorre coa de Carreira, que xa é veterana e aínda así mantén o interese dos visitantes, que a cotío acoden a vela e facerlle fotos.

A de Carreira é algo máis grande e máis sólida, e por iso está levando moi ben o paso dos anos. Os monllos están como teñen que estar, sometidos entre eles, agarrados sen máis nada, encaixados perfectamente, cos mañas que se foron aprendendo secularmente, de xeración en xeración.

Tamén é certo que a fixeron moitas máis persoas que a de Mens. Pode dicirse que é como un museo etnográfico, aínda que para ver un de verdade haxa que andar uns metros e ver o centro social que teñen na parroquia, que tamén recolle o esencial da vida labrega ata finais dos anos 70 e mesmo principios dos 80. Claro que antes eran tarefas rutinarias e necesarias. Cando estrearon a de Carreira houbo bendición do cura, madriña do acto, pinchos de albaroque e ata grupo de gaitas. Son os de agora outros tempos, tamén para lembrar os de antes.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
9 votos
Comentarios

Unha cabana de monllos de millo en Malpica