O profesor de Producción Vexetal Benigno Ruiz analiza para Somos Agro os factores que condicionan a sementeira do millo en Galicia

Benigno Ruiz

A sementeira do millo, como a de calquera cultivo está condicionada por diversos factores; entre eles un dos mais determinantes é a climatoloxía. En primeiro lugar, para elixir unha variedade  o primeiro é buscar o ciclo mais axeitado: debe ser o mais longo posible, sempre que encaixe na integral térmica da zona en que se queira cultivar. Isto é a suma de temperaturas medias de cada día, dende que se sementa ata que se recolle o millo, menos a temperatura limiar (6ºC), expresada en grados día. Co dato obtido, para o lugar concreto en que queremos sementar, escolleremos nun catálogo o ciclo que nos encaixe, e dentro deste ciclo, a variedade mais acaída. É obvio que canto mais altas sexan as temperaturas medias de cada zona, mais alta será a integral térmica, e permitirá o cultivo dun ciclo mais longo.

Á hora de sementar, o estado do solo, e de novo as condicións climáticas, son fundamentais para ter éxito co noso cultivo. Calquera planta, para xerminar, precisa da concorrencia de tres factores: osíxeno, auga e temperatura. Os tres son indispensables, polo que un solo con moita auga desprazaría o osíxeno e non se produciría a xerminación; o mesmo que, nas condicións ideais de auga e osíxeno, se a temperatura é inferior á requirida, tampouco xerminará, ou esta será moi lenta, orixinado unha densidade e un crecemento de plantas irregulares.

Sementeira de millo nunha finca da Costa da Morte
Sementeira de millo nunha finca da Costa da Morte Ana Garcia

O dato da temperatura mínima para a xerminación do millo varía segundo os autores, pero hai un consenso xeneralizado en situala por enriba dos 10ºC no solo, onde temos situada a semente, para o que, dependendo da época do ano e das circunstancias, se precisa un valor variable maior no aire (da orde de 5 a 10 grados mais).

«Canta maior é a altitude, máis tarde se sementa» Como consecuencia disto, pódese facer un calendario de sementeira en función das temperaturas medias de cada zona. Así, a medida que a altitude é maior, a data de sementeira retrasarase; e, na costa, as sementeiras serán mais temperás que no interior. Para Galicia, as datas de sementeira esténdense entre os meses de abril e maio: En zonas de costa seméntase a partir de mediados de abril; en torno á comarca do Deza, dende finais de abril; Sarria, Monforte, Arzúa, principios de maio; na Terra Chá e outras zonas do interior de Galicia, temos xa que esperar a mediados de maio; mentres que en boa parte das Rías Baixas, xa se pode sementar a finais de marzo.

Outro factor climático decisivo son as chuvias, que, ademais de orixinar un exceso de auga no solo, provocando problemas de xerminación como se apuntaba mais arriba, dificultan ou impiden o acceso ao terreo mentres duran, e nos días posteriores ás mesma.

Analizando a situación deste ano, atopámonos cun mes de abril de chuvias frecuentes, aparelladas a miúdo con baixas temperaturas. En concreto, segundo o informe mensual de Meteogalicia, houbo cinco períodos de precipitacións repartidos ao longo do mes, que xunto con temperaturas frías ou moi frías, durante os mesmos e ou a continuación, somente nos períodos comprendidos entre o 10 e o 13; o 20 e o 22, e o 27 e o 29 de abril houbo unha climatoloxía propicia para a sementeira, dándose ademais a circunstancia de que as temperaturas foron inusitadamente altas nalgúns deses días. No que levamos de maio, está previsto que  haxa precipitacións ata hoxe, prevéndose bo tempo como mínimo ata mediados de mes, aínda que as temperaturas medias son mais ben moderadas, pero cabe esperar que estas inicien un incremento progresivo, tendo en conta que a primavera vai xa avanzada; de feito anúnciase que serán mais altas do normal a partir da semana que vén. 

É obvio que naquelas zonas de sementeira mais temperá, algunhas das cales xa se citaron, hai un retraso evidente. Por datos que puiden recadar, as zonas de Santa Comba, Mazaricos, Ordes e Soneira teñen sementado en torno a un 30 %; a comarca do Deza, un 20%; Monforte e Sarria, un 20%... Cómpre agora, tan pronto como o solo volva estar en tempero, facer a sementeira de forma xeneralizada practicamente en todo o territorio galego.

Beningno Ruiz é profesor do departamento de Producción Vexetal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo. Agradecemento a Fernando Núñez Mourelle polos datos aportados.