Patrocinado porPatrocinado por

«Esperamos este ano sacar unha liña de té branco comercializable»

verónica couto CARBALLO / LA VOZ

AGRICULTURA

Orballo produce dende Paderne o primeiro té colleitado na Europa continental con selo ecolóxico

10 may 2018 . Actualizado a las 17:10 h.

O rural é riqueza, e un dos exemplos que corroboran isto é Orballo, un proxecto que chega a Ecovoz da man de Joaquín Barral, responsable da área de produción vexetal. A través da súa páxina web (orballo.eu) pódense localizar os puntos de venda dos seus produtos, cadeas de supermercados e tendas ecolóxicas e especializadas.

-¿Que é Orballo?

-É unha empresa nace inicialmente cunha idea de revalorización do medio rural. Queríamos darlle unha volta á actual mentalidade, saírse do convencional, diferenciar. A idea principal era a produción de froito ecolóxico, principalmente castiñeiros. Segundo pasa o tempo imos redirixindo esta idea cara a produción de aromáticas, cultivos mixtos destas árbores froiteiras con aromáticas no sotobosque. Pouco a pouco vaise introducindo outro tipo de cultivos novidosos, ben sexa o cultivo de planta para a industria farmacéutica ou incluso ser pioneiros en cultivo de té ecolóxico en Europa.

-¿Por que ese cambio na folla de ruta?

-Recuperar os soutos de castiñeiros era o noso soño, pero pouco a pouco vannos xurdindo diferentes problemas, como conseguir superficies grandes para que esta idea fora rendible no futuro. Aí xurdiu o tema das aromáticas, principalmente porque no noso entorno xa se daban moitas especies diferentes con calidades moi boas. Realmente a nosa zona ten condicións extraordinarias.

-Todo o producido, ecolóxico.

-Si, estamos dentro da reserva das Fragas do Mandeo. O centro neurálxico das plantacións está nunha pequena parroquia do Concello de Paderne. Aquí unha das prioridades é buscar a máxima calidade dos nosos produtos e un dos canles a seguir para conseguir isto sería optar sempre por técnicas de agricultura ecolóxica, con todo o que supón.

-¿Que se produce dende Orballo?

-Estamos moi centrados nas plantas aromáticas, cultivamos arredor de 30 especies. Orballo conta cunhas sete hectáreas. As aromáticas están destinadas a diversos produtos, un sería as especias tipicamente culinarias; despois temos unha liña de dez variedades de infusións, que son mestura de distintas aromáticas; e despois teriamos unha pequena gama de cinco arroces, tamén condimentados coas nosas aromáticas, e por último unha gama de tés do mundo.

«O té provén dunha variedade de camelia, que se dá moi ben aquí»

 

 

En Orballo apostan pola diferenciación e a calidade como claves do éxito da empresa.

-Orballo produce o primeiro té ecolóxico colleitado na Europa continental.

-Si. Este proxecto de investigación xurde xa fai arredor de 3 anos. Descubrimos que o té provén dunha variedade de camelia e vendo o ben que se dá aquí poñémonos a cultivar este tipo de plantas. Así, Orballo, dentro do proxecto piloto inicial, fixo a primeira colleita de té ecolóxico. Estamos moi contentos co resultado do ano pasado e esperamos este ano xa poder sacar unha liña comercializable, que sería un té branco, cunhas peculiaridades, unha colleita completamente manual, a única parte que se utiliza para este té é a xema apical de todas as ramiñas.

-Realizan labores tamén de divulgación...

-Dende o primeiro momento apostamos polo márketing e a comunicación. Tomamos moi en serio o tema das feiras, estar en contacto directo cos centros de formación, con asociacións do medio rural... Dámoslle tamén un peso vital ás redes sociais. Todo isto é moi interesante a longo prazo.

-¿E o futuro próximo?

-A corto prazo a nosa idea é aumentar os cultivos de aromáticas, aumentar en produción. Queremos aumentar tamén a liña de arroces. A idea tamén sería que Orballo este ano teña tamén a liña de té branco comercializable.