Patrocinado porPatrocinado por

«Haberá que buscar terreo para que non se deslocalicen as empresas»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá ALFOZ / LA VOZ

AGRICULTURA

MIGUEL PAZ

O Concello de Alfoz celebra hoxe a festa da terceira idade

01 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Alfoz celebra hoxe a festa da terceira idade. O alcalde, Jorge Val (Lagoa, 23/04/1957) presidirá os actos desta edición, na que participan arredor de 250 persoas, medio cento máis das que había o ano pasado. Para os residentes é gratis, os que non o son teñen que pagar 26 euros. Todos compartirán mesa en Finca Galea, unha vez remate a misa na honra dos falecidos e pola saúde dos veciños. «É un día de confraternidade entre veciños; moitos non se ven ou falan durante o ano e aproveitan para verse e compartir recordos», sinala o rexedor.

-¿Como vai Alfoz de saúde?

-Vai ben. Temos moitos proxectos por dinte e outros rematando, como a concentración parcelaria. Agora temos que retomar o do polígono industrial e o planeamento, que estivo aparcado pola concentración parcelaria e por deixadez.

-¿Mantense a ubicación inicial?

-Si, sería na Granda Douro, na recta de San Acisclo. Temos queixas; moitas empresas queren ampliar instalacións e non teñen espazo físico, haberá que buscar terreo para que non se deslocalicen.

-Teñen un tecido empresarial interesante no municipio.

-O sector forestal é importante, tamén o de carrozarías e o de granito. A agricultura témola baixa e dado que o sector gandeiro e leiteiro está mal, estamos axudando á asociación de fruticultores, Afruval, a ver si coa produción de froita, sobre todo a ecolóxica, e tamén a de horta, que ten tamén moita demanda, se dinamiza o campo. Incluso co tema da faba, que aquí se dá moi ben e é de moi boa calidade. E no sector do turismo estamos poñendo en valor todos os recursos naturais que temos, que son moitos e importantes, para que a xente veña todo o ano a visitarnos. Temos a cascada do Escouridal, a serra do Xistral, que está virxe, alí non chegou aínda o eucalipto e mantén o ecosistema de sempre. Hai xente que descoñece todo iso. Eses serían os principais eixos de actuación. E no tema forestal queremos por en valor o eucalipto; queremos manter en boas condicións as pistas forestais; temos unha acuda de 73.000 euros para adecentar pistas, que xa está executada e agora queremos conservar iso e facer outras novas.

-¿Continúa vostede traballando en Alcoa?

-Si. No vindeiro maio-xuño prexubilareime, levo case 40 anos na fábrica e unha vez me retire terei máis tempo para dedicarllo ó Concello e para as miñas afeccións, a agricultura e a natureza, a apicultura.

-Por certo, ¿Que tal ven a colleita de mel este ano?

-Bastante boa; a pesar da velutina, ven bastante boa..