Patrocinado porPatrocinado por

«Hai pouca mel, pero de moi boa calidade»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá O VALADOURO / LA VOZ

AGRICULTURA

xaime ramallal

A climatoloxía foi mala para a floración e a produción mermou a metade

07 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mari Fe Sixto Pernas, co seu mel O Trobo, é unha das apicultoras máis recoñecidas de Galicia. Participará este sábado na vixésimo novena edición da Feira do Mel do Valadouro, que se celebra en Ferreira, unha cita plenamente consolidada que fai desta vila a capital mariñán da apicultura.

-¿Como se presenta a temporada?

-Mal, pésima, hai moi pouquiña produción. Este ano a climatoloxía estivo en contra; foi boa para os veraneantes, pero mala para a agricultura, houbo pouca floración e as abellas o que comen é o polen das flores. Pero é de moi boa calidade, porque o solo sigue sendo bo, as plantacións son boas, as poucas flores seguen sendo boas...A Calidade é boa, pero escasa.

-¿Canto calcula que pode mermar a produción?

-Afectou un 50% a merma a case todo o mundo. Xa partimos de factores en contra, xa que o ano pasado tivemos mortaldade, a velutina afectounos moito, atacounos moito. Este ano tamén nos atacou, pero non tanto, veu máis tarde. Primeiro houbo moito inverno e despois moita calor e as velutinas viñeron tardías. Empezaron a vir en setembro e lles afectou menos ás colmeas, pero agora está actuando a pleno rendemento. Tamén trampeamos moito, coas trampas que puxemos na primavera cazamos moitas raíñas, houbo menos niños, pero claro, son dous factores en contra: todos tiñamos menos colmeas, que nos morreran e este ano as que había produciron menos en xeral, por culpa do tempo.

-¿Isto vai afectar ós prezos?

-Si, subímolo 50 céntimos respecto ó ano pasado. Este ano o kilo estará a oito euros, o medio kilo a 4,50 e o litro a 9. Serán os prezos para a feira do mel. A maioría os mantemos, aínda que cada cal despois pode vendelo como queira, pero este día, na feira, temos todo o mundo estes prezos e segues con esa tónica, normalmente (...).

-¿Van ter moita participación de produtores nesta edición da Feira do Mel?

-Si, hai un ou dous máis que o ano pasado; vai haber moitos postos, pero de mel, 17. Haberá mel da Mariña (un de Cangas), pero sobre todo do Valadouro, de Alaxe, do Cadramón, Vilacampa, de todas as parroquias. Haberá algún apicultor novo que nos dixo que ía empezar. Vaise crear una nova asociación de apicultores; antes tiñamos unha, pero levamos nove ou dez anos sen ela. Xa fixemos unha asemblea.

-¿Qué tipos de mel se van poder comprar?

-A maior parte multifloral. Álvaro, de Alfimel, de Burela, non sei se vai traer monofloral, non sei.

-Ou sexa, que vaise poder atopar meles con nome.

-Si, haberá meles premiados nas catas de Galicia. O Trobo e Alfimel.

-¿Que ten de especial o mel do Valadouro?

-O Sitio, o val en si é moi rico, temos que explotalo entre todos na agricultoras. Temos un solo que da boas plantas, boas flores, e as abella sabe coller ese mel e despois os apicultores non o estropeamos ó levalo para a casa.

-¿A manipulación é importante?

-Eu creo que si. Dámoslle importancia ás abellas, pero a súa manipulación tamén. Con patacas e ovos fanse tortillas, pero non todas saen igual.

-¿Cal é o secreto?

-Non ten secreto, fas un traballo con respecto, con cariño, como che ensinaron os antepasados e ves que as cousas ían ben e segues nesa tónica.

-É importante non botarlle azucre ¿Non?

-¡Hai, non! O mel é o único produto que é natural, ese non se manipula para nada. Non, non. O mel non se manipula, é tal cual o fabrican as avellas.

Programa da Feira do Mel. Organizada polo Concello do Valadouro, empeza hoxe, ás 20.00 coa presentación do Caderno VI do SEVA titulado «Introdución á apicultura» de Gonzalo Calvo. Mañá, desde as 10.00 horas, feira con 35 postos, dos cales 17 son de produtores de mel. Haberá tamén pasacalles a cargo da Asociación Cultural Amado Lar, degustación de freixós con mel e sorteo entre os asistentes dun lote de produtos apícolas.