Patrocinado porPatrocinado por

«Este espazo promove un punto de encontro»

victoria amoedo, ch. c. VILABOA/ LA VOZ

AGRICULTURA

O barrio vilaboés de Postemirón acolle o domingo a cuarta edición da Romaría de Produtos do Campo

12 jul 2016 . Actualizado a las 05:30 h.

Para Tereixa Carro Postemirón é o rural, a agricultura e o traballo no campo. E como tal é o sitio perfecto para impulsar o comercio local e levar a cabo un mercado baseado nos produtos de quilómetro cero. Ela forma parte de A Veiga do Palheiro, unha asociación de catro familias produtoras que se encargan de organizar dende hai catro anos esta cita para produtores e consumidores.

-¿En que consiste este evento?

- O obxectivo principal é a dignificación da vida no rural e a visibilidade das persoas que temos proxectos no rural. Outro obxectivo é crear puntos de encontro entre consumidor e produtor, para así potenciar o comercio local, os alimentos de quilómetro cero e unha agricultura, en consecuencia, máis respectuosa co medio.

-¿Que importancia ten o contacto directo entre produtor e consumidor?

-Para nós é fundamental. Moitas veces sentímonos perdidos e non sabemos onde comprar aquela cebola, aquelas patacas, aquelas cousas do país. Este espazo promove un punto de encontro. E tamén que o produtor e o consumidor se coñezan. É unha marca de confianza saber de onde veñen os produtos, e tomar conciencia de como se cultiva o que consumes.

-E teñen cada ano un produto estrela.

-Vai sendo temático e ofrecemos todos os anos algo de formación, algo para os propios agricultores. Este ano, por exemplo, é sobre a apicultura. Estamos nun momento moi crítico e son un elemento básico da cadea. Ademais queremos facer fincapé nos moitos beneficios dos seus produtos derivados, que se levan feito dende sempre de xeito tradicional.

- Está tamén pensado como un día para pasar en familia.

- É moi importante o aspecto lúdico, o feito de que nos tomemos nós un día de festa, de convivencia. Ese é o sentido de romaría, para pasar o día xuntos os maiores, vellos e pequenos, que serán os protagonistas no futuro.