Patrocinado porPatrocinado por

«Testamentos hai poucos que non sexan fonte de desgustos familiares»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ MONDOÑEDO / LA VOZ

AGRICULTURA

Moreda recomenda testar sempre, resulta menos custoso que unha declaración de herdeiros

12 abr 2016 . Actualizado a las 13:14 h.

Fátima Rodríguez Moreda, avogada do CIM de Mondoñedo, participa esta tarde, ás 16.30 horas, nunha charla coloquio organizada pola entidade na que informará ós asistentes sobre A sucesión mortis-causa (testamentos, declaracións de herdeiros...).

-¿De que vai falar, exactamente?

-É unha charla aberta a quen queira; vaise facer un repaso xeral sobre o Dereito de Sucesións, explicándolle á xente o que son os testamentos, cómo se fan, as consecuencias de facelo ou non; no caso de que non se faga, qué é o que hai que facer. Farase en Santa María Maior porque dende o CIM queren dirixirse as actividades ás parroquias, non centralizalas (...).

-Os testamentos adoitan ser unha fonte de desgustos

-Si, nos testamentos e sucesións hai moi poucos casos que non sexan fonte de desgustos familiares. Moitas veces hai problemas cos repartos, ben porque hai herdeiros que reciben máis ca outros (se son irmáns) e si se fai a partes iguais porque un dos herdeiros contaba con levar máis ou persoas que non son legitimarios favorecen a un sobriño e outro que contaba con levala herdanza non leva nada...Si, en moitos casos adoitan ser conflitivos.

-¿Pese a elo aconsella facelo?

-Si, si, sempre. De cara a un futuro para os herdeiros sempre é mellor atoparse co testamento feito que facer unha declaración de herdeiros. En primeiro lugar, para facer un testamento non fai falla facer un reparto, basta simplemente declarar herdeiros partes iguais aos meus fillos...Non fai falla reparto. E si fas testamento, de cara ó reparto posterior, sempre vai ser máis económico que si hai que ir a unha declaración de herdeiros, na que teriamos que ir a unha notaría ou a un xulgado, dependendo do parentesco que una, para facer a determinación de quen son os herdeiros da persoa que faleceu. Iso si se fai de maneira inmediata, en certo modo é sinxela, pero si se deixan pasar anos e se fai cando nos acordamos porque hai unha terra que queremos vender e non está aínda repartida e temos que facer declaración de herdeiros de tíos avós e mesmo parentes máis lonxanos, pois o lío e gastos económicos que nos metemos e desgaste persoal, é importante, por iso sempre recomendo facer testamento. (...)

-Hai xente que está renunciando ás herdanzas porque ten que pagar moito de dereitos

-No tema do imposto de sucesións acaba de haber unha modificación bastante importante, ampliouse moito o mínimo exento no caso de pais a fillos, pero canto máis lonxano sexa o parentesco, máis vai aumentar o custe de recibir esa herdanza. É certo que nalgún caso si que se están facendo esas renuncias porque non compensa o que se vai pagar para o que se vai recibir a cambio. Sobre todo si son terreos que non teñen saída no mercado ou interés especial para quen o recibe.

-¿Que é isto do que se fala agora de deixar os bens en vida?

-Iso non é novo, xa o temos por lei dende o 95. É apartación, é un pacto que consiste en que se lle deixan en vida aos herdeiros os bens. O que se lles ía entregar no momento da herdanza entrégaselles antes, coas vantaxes que iso ten. Non tributa como unha doazón, senón como herdanza. É do Dereito Civil de Galicia.

-Penso que non hai moitos casos destes ¿Non?

-Non é habitual, pero si que é certo que ultimamente hai un maior coñecemento desa figura e cada vez hai máis xente interesada.

-Que é o máis apetecido ¿Cartos, terras, vivendas...?

-Depende de cada persoa; non hai unha regra xeral; a algún pódelle interesar unha vivenda. Ás veces é habitual que os pais lle deixan o uso de unha vivenda a un fillo, e a ese fillo lle deixan a propiedade na que estivo residindo e arreglando; a outro lle deixan o negocio. Si que é certo que cando son parentescos lonxanos o que máis interesa son cartos en efectivo ou bens que teñan un valor económico medio ou alto, aos que se lle poida sacar un beneficio. Cada persoa é un mundo.

-¿O que si queda claro é que o das terras está pasando a último plano ¿Non?

-Si, en xeral os terreos rústicos, montes, se a persoa non ten vinculación coa agricultura, son os que menos interesan. Adoitan interesar os solares, os cartos (...).

-¿A xente testa xoven ou de maior?

-Hai de todo, a xente empeza a preocuparse entorno aos 50, 60 anos. Si que é certo que ultimamente cada vez máis xente nova opta por facer testamento, sobre todo cando teñen fillos ou derivado da necesidade de poñer un titor para ese fillo cando eles falten ou cando se teñen bens. Hai unha cousa, non importa a idade á que se faga, o que vale é o último. Teño visto casos de xente que fixo dez testamentos (...). E xente con tres, catro testamento, é moi habitual. Tamén nos casos de divorcio, faise ás veces cando hai cambios importantes na vida.

fátima rodríguez moreda avogada do cim de mondoñedo