Patrocinado porPatrocinado por

O que nos importa o futuro do leite

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

AGRICULTURA

15 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en día, dúas terceiras partes de Galicia son monte baixo ou arborado; do outro terzo só unha parte está manexado para a agricultura e a gandería, o resto é espazo construído e asfaltado. Despois dunha semana vendo tractores e escoitando a eses labregos que agora chaman gandeiros, é importante reparar no significado que o seu fracaso tería no noso futuro. Máis alá dos postos de traballo e da importantísima actividade económica xerada arredor do leite, de que comarcas enteiras están estruturadas, vivas e habitadas por mor da economía do leite. Alén diso, a Galicia urbana debe saber que significa o manexo do territorio polas 10.000 explotacións leiteiras que existen no país, pero sobre todo que acontecería de iniciaren un devalo continuado até o abandono. Non o saben? Quen percorre o Cantábrico asombrándose da persistencia dun agro vivo e unhas paisaxes agrarias admirables e segue por Francia adiante apreciando un agro manexado debe saber que acontecería neste país sen as explotacións leiteiras que temos.

Abonda pasar o Alto de San Martiño camiño de Ourense para saber que o toxo, as uces, as xestas e as neofragas dominan sobre as explotacións forestais, algunhas manchas de vides e hortas. Que o monte devora o hábitat humano. Toda Galicia a monte non sería Finlandia, senón un mato continuo que prendería nos veráns para arder nun incendio constante. Por iso, o problema dos leiteiros non só é deles. E noso tamén. Esta visión apocalíptica vai con estes tempos, pero non se materializará. Os labregos que hoxe chamamos gandeiros veñen daquelas explotacións familiares ás que lles auguraron todo tipo de males de non medraren e modernizárense. Fixérono. Corenta anos más tarde, ao final do conto da modernización, tanto eles como quen lles prometeron que serían felices e comerían paspallás descubriron que aí non estaba a solución por moito que melloraran a súa capacidade de produción e tamén, xaora, o seu nivel de vida.

Demostraron a súa iniciativa, que non eran refractarios ao progreso, nin contrarios á innovación. Nestas décadas escribiron unha historia de éxito que por certo contaba xa con moitos precedentes aos que tamén lles puxemos letra os historiadores. Nestas mobilizacións de agora veñen de lembrar a música que todos escoitamos na casa como unha vella cantiga: a unión fai a forza! Estámpano en camisetas e escríbeno nos seus móbiles. Toda a iniciativa acumulada e a importancia de unión redescuberta han servir para pensar o seu futuro como produtores que non poden contentarse con entregar o leite e cobrar un prezo. Teñen que subir na cadea cara riba para ocupar o lugar das industrias contra as que protestan. Teñen recursos e capacidade de sobra para facelo. Pero tamén mirarán máis cara baixo porque saben ben que non poden seguir dependendo dos pensos encarecidos no país europeo no que a herba medra máis rápido e por onde entrou o millo no continente, o dos prados que son terras e terras que son prados. Moitos saben que para aumentar o valor do seu leite no mercado non teñen que producir máis a menos prezo, senón máis orgánico, máis ecolóxico. Iso é o sustentable, non o prezo. Para ese futuro terán que preguntar aos vellos da casa.