Patrocinado porPatrocinado por

Memoria de Laxe nas imaxes de Vidal

xosé vidal pérez

AGRICULTURA

Un neno no seu cabalo de xoguete, na praia aínda sen dunas.
Un neno no seu cabalo de xoguete, na praia aínda sen dunas.

O fotógrafo tomou fotos relevantes do pasado da Costa da Morte

03 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Mar de Laxe conserva unha parte destacada da memoria histórica de Laxe e da Costa da Morte grazas ás imaxes que perpetuou o insigne fotógrafo laxense Xosé Vidal García. No seu momento, na actividade de fotógrafos locais, como Vidal, pesou máis a función de servizo público que a procura dunha estética ou dun produto artístico, tal como o podemos considerar hoxe ao avaliar a orixinalidade, tratamento da luz, encadres, soporte, revelado, etcétera.

Nese contexto valorouse da fotografía a súa fidelidade ao perpetuar un recordo familiar ou un acontecemento social. Nestas terras a profesión de fotógrafo producía poucos beneficios económicos ao depender duns clientes de escaso ou case nulo poder adquisitivo, cunha vida chea de calamidades e infortunios, cando non tiñan que tomar o camiño da emigración. Nese contexto o fotógrafo non gozou de recoñecemento social, polo que a súa labor permaneceu no anonimato, gardado nos armarios ou nos cartafoles de recordos familiares.

O paso do tempo rescatou a moitos fotógrafos locais, como sucede en Laxe con Vidal, apreciándose na súa obra os valores estéticos, pero sobre todo os documentais. Ademais da inherente nostalxia e das posibles avaliacións estéticas e técnicas, as fotografías antigas preséntase hoxe como auténticos documentos históricos que facilitan a reconstrución do noso pasado recente. Quedou atrás a tradición académica positivista, que resaltaba a importancia das fontes escritas e hoxe os historiadores asumen a transcendencia doutras fontes, entre as que a imaxe fixa ou en movemento desempeña un papel relevante. Nesa nova situación, os arquivos e museos preocupáronse por incorporar legados gráficos, como afortunadamente sucede en Laxe co Museo do Mar. A imaxe tamén foi da man do texto na prensa escrita, constituíndo hoxe as hemerotecas un lugar visitado e apreciado polos historiadores. A mellora das técnicas de fotogravado facilitou a progresiva incorporación da imaxe á prensa e á creación de revistas ilustradas, como Vida Gallega que sae a rúa en 1909 con importantes seccións gráficas nas que puntualmente colaboraron fotógrafos locais.

A obra de Vidal ten unha enorme transcendencia para visualizar o pasado recente de Laxe e da Costa da Morte. O fotógrafo levantou acta notarial dos feitos ou celebracións aos que asistía ou contemplaba, así como de accidentes, naufraxios ou calquera tipo de suceso. Tamén do acontecer familiar, con gran cantidade de retratos individuais ou colectivos nos momentos de alegría como vodas ou primeiras comuñóns, pero tamén de tristura, coa imaxe dos cadaleitos. As instantáneas de Vidal achégannos aspectos da vida cotiá, que explican a verdadeira realidade histórica duns homes e mulleres que viviron unha época determinada.

Dentro do cotiá, permite apreciar os cambios que se foron producindo nas costumes e na propia sociedade. As fotos informan da transformación espectacular que se produciu na vida familiar, con imaxes que recollen o gran número de fillos ou a convivencia nunha mesma casa de diversas xeracións, coa presenza tamén doutros parentes.

Eses aspectos mesturados con outros de tipo etnográfico están ben representados no arquivo de Vidal, que retratou as faenas mariñeiras, as actividades agrícolas e gandeiras, a vida escolar, os acontecementos sociais, as festas e romarías, os novos medios de transporte... Neste tipo de imaxes compróbase tamén o pertinaz empeño das mulleres para mudar a súa penosa posición social. Mulleres que se rompían as mans no traballos domésticos ou lavando a roupa nos lavadoiros públicos, ademais de coidar dunha numerosa prole e cooperar no traballo familiar, tanto na pesca como na agricultura. Permiten tamén visualizar a miseria dunha época, a intensidade do traballo no campo, a dureza das faenas no mar, a ausencia de hixiene, a falta dunha boa alimentación, etcétera.

En moitas das fotos dos inicios do século XX as persoas relativamente novas aparecen co aspecto de maiores ou anciáns. Nese sentido as instantáneas explican dunha forma contundente a realidade dun pasado e superan en diversos aspectos as achegas da documentación escrita.

Na vocación marítima de Laxe, o legado deste fotógrafo constitúe unha fonte de inestimable información para reconstruír todo o relacionado coas actividades marítimas, en especial coa pesca, cos diversos tipos de embarcación, cos sistemas artesanais de capturas, coas formas de comercialización...

A atención que prestou este fotógrafo á paisaxe, permite apreciar lugares peculiares ou pintorescos no seu tempo, pero tamén comprobar con realismo a acción do home sobre o medio natural da Costa da Morte, tanto na beira do mar como cara ao interior. Unha valiosísima información de como era o noso litoral e como, por variadas circunstancias, foi totalmente alterado.

As fotos permiten comparar o que temos co que tiñamos, provocando un sentimento de estupor ante a inconsistencia das actuacións nas zonas virxes do litoral. Esa constatación tamén é posible facela da evolución urbana da vila de Laxe e doutras vilas costeiras veciñas, aprendendo do pasado para non seguir alterando a necesaria harmonía entre a natureza e as necesidades humanas de vivenda. A esencia dese legado fotográfico debe servir para frear o desprezo ou pouca valoración da nosa contorna, respectar o que temos e posibilitar nalgún momento a recuperación dalgún espazo natural ou urbano.

patrimonio comarcal

O seu traballo permite ver os cambios da paisaxe e da sociedade