Patrocinado por

Conflitos pesqueiros en Porto do Son a comezos do século XX

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

AGRICULTURA

A traíña e o bou causaron malestar entre os asociados ao Gremio de Mareantes da vila

31 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A finais do século XIX, os veciños de Porto do Son vivían do mar e da agricultura. Os mariñeiros dos seus portos pescaban sardiñas empregando a arte do xeito en lanchas, e tamén polbos con dornas. Pero os sonenses tiñan sona polas súas pesquerías de pescada coas volantas. A súa importancia xa se reflectía en 1898: «La principal industria de sus habitantes consiste en la pesca, abundantísima en sardina, merluza, abadejo y congrio, cuyos pescados exporta en grandes cantidades, existiendo actualmente unas doscientas lanchas pescadoras. Tiene importantes fábricas de salazón».

A introdución de novas artes de pesca deu orixe a conflitos pesqueiros entre os partidarios das mesmas e os que seguían empregando as artes tradicionais. Esta conflitividade fixo necesaria a organización dos mariñeiros para a defensa dos seus intereses. En Porto do Son nace a primeira organización que defendía os mariñeiros coa influencia das federacións obreiras. Neste caso, La Protección Obrera, fundada en 1901 e que ao pouco se ía converter nunha importante sociedade de resistencia nesta bisbarra.

No ano 1903 a tensión entre os mariñeiros rematou coa colocación de artefactos explosivos en dúas casas que eran propiedade dun importante armador de pesca, Juan Parada Vidal, dono tamén dunha fábrica de salgadura na vila. A prensa da época facíase eco, no mes de xuño, dos danos causados por varios barcos franceses a 17 lanchas volanteiras de Porto do Son.