Patrocinado porPatrocinado por

Comezan a preparar a Feira de Amandi

monforte / la voz

AGRICULTURA

21 ene 2014 . Actualizado a las 06:45 h.

A comisión organizadora da Feira do Viño de Amandi celebrará hoxe a primeira reunión preparatoria da 34 edición do certame, que se celebrará entre os días 12 e 13 de abril. O encontro comezará ás sete e media da tarde no centro sociocultural de Sober e contará coa participación do alcalde, Luis Fernández Guitián, e de representantes de todas as adegas do municipio inscritas na denominación de orixe Ribeira Sacra.

O Concello de Sober ten a intención de desenvolver, ao igual que se fixo nos dous últimos anos, un programa de actividades relacionadas co mundo do viño e da viticultura que se estenderá ao longo do mes que precede á feira. Este programa, denominado Mes do Amandi, comprendeu en anteriores ocasións actividades como catas comentadas e obradoiros de cociña con viño. Unha das propostas máis singulares, organizada por primeira vez o ano pasado, consistiu en obsequiar cunha botella de viño a todas as personas que acudiron a doar sangue a unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estacionada na capital municipal. Na reunión de hoxe está previsto comezar a perfilar tanto ese programa de actividades como os que se levarán a cabo na fin de semana en que se celebra a feira, que desde os seus inicios coincide sempre co Domingo de Ramos.

A máis antiga

A Feira do Viño de Amandi é a máis antiga de todas as que se celebran no territorio da denominación Ribeira Sacra e a segunda do calendario anual de certames vinícolas que se organizan na zona. A primeira é a de Chantada, que este ano terá de novo unha duración de tres días e que se celebrará entre o 7 e o 9 de marzo. A seguinte é a de Quiroga, que se celebra na seguinte fin de semana á da Feira de Amandi.