Patrocinado porPatrocinado por

«¡Que quede quen o conte!»

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

ALBERTO LÓPEZ

Un grupo de mestres e cregos financia e publica un «panfleto» en defensa do rural galego

01 dic 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

Hai un rural que desaparece porque os maiores morren, os novos emigran por falta de alternativas e de apoio, apenas nacen nenos, as explotacións agrícolas e gandeiras están ao límite, a administración suprime servizos educativos e sanitarios, os eucaliptos empobrecen a paisaxe... Pero tamén hai un rural que loita por vivir, con iniciativas como as dos orientadores que manteñen vivo o espírito do desaparecido Preescolar na Casa, un programa que foi pioneiro na atención educativa dos nenos das aldeas. E é na unión dese mundo contraditorio onde nace Que quede quen o conte, unha publicación impulsada, escrita e financiada por un grupo de amigos que comparten inquedanzas e preocupacións. A maioría son mestres e cregos afíns á Teoría da Liberación. «Dos poucos que hai, porque non interesa a xente que abra os ollos», apuntan. A revista, que eles definen como «panfleto de testemuña e defensa do mundo rural galego», acaba de presentar o número sete. «Por riba de todo únenos o amor á aldea e ás súas xentes», destacan.

Unha das artífices, a mestra Alicia López Pardo, sinala que o proxecto forxouse hai algo máis dunha década nunha cea organizada para homenaxear aos «irmáns Peleteiro»: Bieito, Manolo e Xosé Carlos, tres cregos da orde dos paulistas. «Aquel día pensamos en facer algo que nos comprometese, en expoñer o que pensamos publicando algo aberto á xente para defender o patrimonio, a lingua...», sinala a docente. Fundadores e colaboradores de Que quede quen o conte encárganse de costear e divulgar a publicación, que non recibe subvencións nin ten publicidade. De cada número tiran ao redor de mil exemplares.