Patrocinado porPatrocinado por

«O maior problema é o estado dos nosos montes»

m. v. m. carballo / la voz< / span>

AGRICULTURA

Manuel Pose volve a participar nas Xornadas Micolóxicas de Vimianzo.
Manuel Pose volve a participar nas Xornadas Micolóxicas de Vimianzo. ana garcía< / span>

17 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Pose Carracedo (Camelle, 1955) afeccionouse á micoloxía a través da botánica. Empezou catalogando plantas e flores e agora a súa paixón son as setas. Gústanlle tanto que se confesa feliz só con velas. «Podo estar meses sen tocar unha soa. Moitas veces saio ao campo e volvo coas mans baleiras porque confórmome con velas», di o tesoureiro da asociación Pan de Raposo, que o sábado e o domingo guiará aos participantes nas Xornadas Micolóxicas de Vimianzo, que se prolongarán ata o luns.

-Cada vez hai máis afeccionados. A este paso non quedará nin unha seta no campo.

-O problema non está en que haxa máis ou menos xente. O principal problema para os afeccionados á micoloxía é o estado no que están os montes. O seu estado é un verdadeiro desastre e a consecuencia máis evidente diso son os incendios forestais que nos están asolando. Se o monte estivera limpo non habería lumes e a Costa da Morte e Galicia enteira sería o paraíso da micoloxía. Habería para todos. O problema é que o monte está moi mal conservado e hai poucos sitios polos que moverse.

-¿É esta unha boa zona para coller setas?

-Si que é, pero o gran defecto da comarca é que case hai un monocultivo de pinos e eucaliptos. Aínda que o piñeiral é moi agradecido en variedade e cantidade, hai moitísimas especies que non crecen alí. Á Costa da Morte fáltanlle soutos e carballeiras, porque os que hai son minúsculas e apenas teñen repercusión. É unha pena.

-O seu compañeiro José María Traba apela ao sentido común á hora de saír ao campo. Di que a premisa debe ser algo así como «se non se coñece, non se come».

-Esa debería ser a principal norma. E iso é o que sempre dicimos nas charlas e xornadas micolóxicas, que xamais leven á cociña nada que non estea suficientemente contrastado. Sempre que haxa a máis mínima dúbida sobre un exemplar, hai que descartalo. Hai que estar seguros ao cen por cento, e incluso máis, porque cando comemos setas estamos xogándonos moito, incluso a vida. Pode ser como unha ruleta rusa porque hai moitas especies mortais.

-¿Aínda atopa especies que lle sorprenden despois de tantos anos saíndo ao campo?

-Si, por suposto. Aínda hai algunha especie rara que non indentifiquei. O que teño claro é que non é tan doado como identificar plantas e flores.