Patrocinado porPatrocinado por

Teatro tabernario cun alcalde auténtico en escena

k. armesto / F. ALBO

AGRICULTURA

ROI FERNANDEZ

25 sep 2013 . Actualizado a las 06:55 h.

1O músico monfortino Antón Valcarce volve ás andadas coa dramaturxia. Despois de ter organizado espectáculos como Apostasía e Dulcinea de Lemos, volve cunha nova obra baixo o brazo. De Nápoles a Monforte, pasando polo inferno é o título da peza escrita por Antón e interpretada por un reparto de cinco actores -entre os que se atopa o propio alcalde- será levada mañá á escena. O escenario situarase nun espazo moi acorde coa asociación cultural que organiza a función: o Movemento Tabernario Lemavo. Será no bar A Troula, a carón do paseo fluvial do Cabe, onde ás nove e media da noite se interpretará esta obra que parece cargada de retranca. Os personaxes da peza veñen da esfera do poder e tamén do inferno - unha combinación que dá que pensar- e os seus nomes aseméllanse casualmente aos de coñecidas figuras da política monfortina, polo que se se poden vostedes imaxinar cal será o seu ton. Da dirección de escena encargarase Xavi e os actores serán J. Callejo, que encarna o papel de conde; Conchi, no rol de gobernanta, e T. Vidal facendo ao mesmo tempo de demo, N. Pin e Maese Tomé. Pola súa parte, o alcalde Severino Rodríguez interpretará o personaxe de Severino I, aínda que a día de onte non coñecía o papel que lle corresponde interpretar, nin lera o texto da peza, nin tiña sequera unha idea aproximada do argumento. Polo que parece, na obra desempeñarán unha función importante o factor sorpresa e a improvisación.

Ruta para blogueiros

2Onte comezou o primeiro blogtrip pola Ribeira Sacra, isto é, unha viaxe organizada para autores de blogues especializados en turismo, viños e patrimonio histórico. O obxectivo desta iniciativa organizada polo consorcio de turismo é o de promover os atractivos turísticos da zona en Internet. A xerente do organismo, Alexandra Seara, acolleu aos blogueiros, que figuran entre os máis seguidos en España como especialistas en viaxes: Miguel Egido, Adrián Rodríguez, Miguel Michán e Jesús Martínez. Tamén deu a benvida a Guillermo Mendo e Ignacio Izquierdo, técnicos da web especializada Minube -que colabora no proxecto-, os cales encargaranse de tomar imaxes para un vídeo promocional da Ribeira Sacra que será editado na rede. Este primeiro blogtrip pasará polo mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas, o centro de interpretación da alfarería de Niñodaguia e a localidade dos Peares, e despedirase cunha cea «galaico francesa». A xerente do consorcio e unha guía oficial irán acompañando aos blogueiros neste percorrido, que rematará o venres. Esta primeira visita será seguida máis adiante doutras, nas que tomarán parte novos blogueiros, e que abordarán diversos aspectos da Ribeira Sacra, como a viticultura, o patrimonio monumental ou o turismo de natureza. Ata agora, este tipo de promoción turística a través dos blogs foi pouco explotado en Galicia.

Percorrido por Quiroga

3Con menos despregue dixital, pero non con menos interese, os alumnos de primeiro e segundo curso de ESO do instituto monfortino A Pinguela fixeron un percorrido por terras de Quiroga dentro dunha xornada de convivencia organizada polo centro. Percorreron un tramo do Camiño de Inverno, visitaron os museos quirogueses de etnografía e xeoloxía e sobre todo aproveitaron o día para pasalo moi ben.