Catorce boirenses representarán o tradicional labor agrícola
31 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Hai seis anos, un grupo de veciños de Pazos, Coroño, Teaño e Runs decidiron recuperar unha vella tradición relacionada cos traballos agrícolas que estaba practicamente desaparecendo na zona: a malla do centeo. O que comezou como unha exhibición duns amigos cunha afección común, acabou converténdose nun dos grandes atractivos das festas de verán de Boiro. Pero os impulsores desta cita, tamén fan, cada ano por estas datas, unha representación no campo de fútbol do Ordenario. Nesta ocasión, os malladores volverán á acción este sábado.
Está previsto que catorce veciños, armados cos manlles correspondentes, batan no centeo ata que o grao se desprenda. Na exhibición participarán tamén oito mulleres, que serán as encargadas de ir virando a herba e limpando o froito.
Os preparativos para esta Malla de Abrañeira, que acada este ano a súa sexta edición, comezaron hai xa varios meses, pois son os veciños do lugar os que sementan o centeo, o coidan e o recollen. Incluso gardan a semente dun ano para o seguinte co fin de manter a variedade que empregan para a festa desde que se puxo en marcha.
Agora os malladores están preparados, pero cando se ideou esta exhibición, tiveron que adestrar ao longo de varias semanas, pois manexar o artiluxo co que se bate o centeo non é nada doado. Tiveron incluso que acudir á xente maior do lugar para que lles explicara o proceso a seguir.
Pero a recompensa a tanto esforzo está no elevado número de persoas que cada ano rexistra tanto a exhibición da malla que se fai nas festas de Boiro como a representación que ten lugar no Ordenario. Un dos malladores, Jesús Manuel Romero, fala de obxectivo cumprido: «Queriamos evitar que se perdera unha tradición e conseguímolo, sen dúbida».
