Patrocinado porPatrocinado por

Unha viaxe por Bergantiños a través da ollada de Ben Cho Shey

xosé m. varela varela

AGRICULTURA

O escritor e investigador galego contou en 1947, no xornal «La Noche», o percorrido que fixo pola bisbarra

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:32 h.

No verán de 1947, o etnógrafo ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey, desprazouse á vila mariñeira de Corme para realizar un traballo de campo sobre literatura popular: «A condición de cabo do mundo que disfruta Corme, fai que a súa fermosa paisaxe fose pouco frecuentada por xentes curiosas, e esta foi unha das razóns que me induciron a practicar unha recollida de cantares». Esta recolleita viu a luz en 1951 na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares baixo o título Cancioneiro e refraneiro de Corme. Tanto na introdución deste traballo como nun artigo que publicara 15 de novembro dese mesmo 1947 no xornal vespertino compostelán La Noche deixounos a súa sorpresiva ollada sobre a comarca de Bergantiños.

Ben Cho Shey desprázase desde Carballo, encrucillada de estradas, nun autobús do Cotelo de Corme. O vello autobús amósalle ó viaxeiro as «bariles perspectivas da terra de Bergantiños». Ao pasar o monte de Santo Amaro, descobren a silueta de Buño, «a Meca dos cacharros marelos». Para Fernández Oxea, Buño era «o centro alfareiro bergantiñán». En Ponteceso baten coa «preciada reliquia do pazo que sirveu de morada ó bardo Pondal». Soben pola estrada do Couto «en precura do magnífico mirador a cuios pés se extende o maravilloso panorama daquil ridente val salferido de pobos evocadores como Niñóns, Brantuas, Cospindo e Nemeño».

No alto, contempla o monte do Faro e a capela da Nosa Señora. Para Ben Cho Shey, desde aquí divísase «un extenso e belo panorama». Como bo etnógrafo preocupouse por anotar a tradición deste espazo relixioso: «Celébrase alí unha importante romaría na primeira quincena de setembro e a ela concorre moita xente de Bergantiños e das rías veciñas, pois a Virxe do Faro comparte coa Nosa Señora da Barca e da Estrela a devoción dos habitantes destas costas, quen dedican ás tres advocacións da Madre de Dios belas e delicadas cantigas». Recordar que a illa da Virxe da Estrela, en Corme, se contempla desde este miradoiro natural.

O viaxeiro descende «polo lugar da Aldea, antesala do porto de Corme, final e meta do viaxe do Cotelo» e encóntrase coa vila mariñeira de Corme enmarcada nunha situación xeográfica privilexiada: «Ó abrigo da punta do Roncudo, coas albas praias de Laxe por diante i o mar infindo por fondo dun dos máis singulares paisaxes da fermosa costa galega».

Sorpréndese coa maxia da arquitectura mariñeira: «As casas teñen un feitío característico e singular». Nunha breve análise con respecto a outras vilas costeiras da provincia, dinos que «a maioría teñen balcóns de corredor en todos os pisos e, a un dos extremos do corredor, está o reducido apousento dedicado a retrete». Nestas vivendas mariñeiras tamén xorde unha particularidade artística: «Outra nota típica de Corme son os cruceiros postos nas fachadas das casas, ben nos balcóns ou ben nos esquinais, orixinal emprazamento pouco frecuente fóra de alí e elegante solución, ás veces, do problema que planteaba a necesidade de retiralos da rúa».

Hórreos

Aínda que Corme fose vila de carácter eminentemente mariñeiro («as principais ocupacións dos seus veciños son as relacionadas co mar, eixe e fonte da economía desta parroquia»), Ben Cho Shey describe un elemento propio da vida labrega: «Os hórreos, como en toda a comarca de Ponteceso, van montados sobre grandes laxes do ancho do cabaceiro e postas en sentido normal a el». Se nos adentramos cara ó interior de Bergantiños, vemos como esa disposicións dos pés é percibida polo etnógrafo doutro xeito: «Esta forma de baseamento vaise macizando conforme se adentra un cara a Buño, onde o hórreo aparece xa montado sobre unha habitación rectangular -nós, hoxe en día, chamámoslle casadeira ou casa da eira-, da mesma planta ca el, a cal suele utilizarse como galiñeiro ou para gardar apeiros de labranza». Mesmo establece outra comparativa con cabazos de fóra da comarca: «Saíndo da terra de Bergantiños, o hórreo apóiase en pilastras ou columnas coroadas polos tornarratos acostumados».

O aspecto humano tamén foi percibido pola ollada de Xosé Ramón Fernández. Así, sorpréndese coa vestimenta tradicional das mulleres que «van aínda á misa de mantelo», Na introdución ó Cancioneiro aínda nos ofrece unha descrición máis detallada: «Á saída da misa poden verse aínda mulleres que van á igrexa tocadas co clásico mantelo de pano sedán, de veludo ou de gró, posto encima das toquillas e levando á cabeza o pañuelo de seda atado ao cachirulo, ou sexa coas puntas voltas e anoadas sobre a cabeza».

No tocante ós mariñeiros, destaca a súa concentración nun punto da ribeira: «Xúntanse na Torriña pra ollar o mar e ver como a sombra dunha casa marca as doce nun penedo que alí hai».