Patrocinado porPatrocinado por

As previsións de xente e postos desbordan a vila monterrosina

C. López LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

O grande mercado deste 1 de novembro dá cabida a todo tipo de mercadorías e acolle a milleiros de persoas

01 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Preto de mil postos. Unhas 1.600 cabezas de gando á venda e máis de cen mil visitantes. Estas son algunhas das cifras da grande cita no que a feiras lucenses e galegas se refire. Monterroso celebra hoxe a Feira de Santos, que á súa antigüidade e singularidade engade nesta edición a distinción como Festa de Interese Turístico Galego.

E como sempre que se celebra a feira das feiras, a vila monterrosina encherase hoxe de xente atraída pola variedade de cousas que se poden mercar neste gran mercado do primeiro de Novembro. E é que a oferta de mercadorías é tan ampla, que será difícil que alguén se vaia para a súa casa sen comprar algo.

Os que se decanten polos animais atoparán no mercado gandeiro un bo número de exemplares, tanto de gando vacún como cabalar, ademais de porcos, cabras, ovellas, coellos, pitas e galos.

Mentres tanto, na Cúpula e nunha ducia de rúas do centro do municipio despregaranse centos de postos de venda ambulante con todo o que se pode atopar nunha feira destas características, desde artículos para os amantes dos cabalos ata roupa, calzado, antigüidades, artesanía, maquinaria, flores e plantas, xoguetes, discos, mobles e decoración, bixutería e artículos de ferretería.

E sendo esta unha feira que se celebra nunha zona rural con predominio do sector primario non faltarán os pequenos produtores agrícolas cos seus produtos da horta e do campo, como patacas, cebolas ou allos, xunto cos tradicionais alimentos de temporada, tales como castañas, derivados do porco, licores, mel, noces, queixos e viños.

Non terán tampouco problema aqueles que queiran comer en Monterroso, xa que aos establecementos locais hai que sumar unhas trinta carpas cunha oferta gastronómica que vai dende o polbo ao churrasco pasando polo xamón, o lacón e a carne ao caldeiro. Tampouco hai que esquecer as variedades de pan, empanada e doces que presentan as panaderías que acoden á Feira de Santos de Monterroso, de onde ninguén debería marchar sen os churros, as roscas e, se queren, tamén poderán mercar turrón.

Nesta xornada na que a vila monterrosina verá amplamente aumentado o número de visitantes con respecto a calquera outra feira das que se celebran ao longo do ano todos os primeiros de mes, o Concello de Monterroso terá dispostos unha serie de aparcadoiros para dar cabida aos vehículos dos centos de persoas que se achegarán ata a vila. Serán oito as zonas habilitadas nas distintas entradas ao concello para que os condutores poidan deixar os seus coches e todos, locais e foráneos, poidan disfrutar da feira con maior comodidade.

Haberá igualmente un amplo despregue de axentes de seguridade dende as sete da mañá e ata a noite para informar e atender calquera consulta ou incidencia que poida xurdir. Tanto a Policía Local coma o Grumir de Monterroso terán ao seu persoal distribuído por todo o recinto no que se celebra a feira para que esta se desenvolva sen ningún tipo de problema.

E xa que o tempo parece que vai acompañar nesta xornada, agora queda unicamente animar a todo o mundo a acudir á Feira de Santos de Monterroso, seguro que o pasan ben.