Patrocinado porPatrocinado por

Labregos sanluqueiros

Xosé Mª Palacios

AGRICULTURA

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Calquera que tivese a sorte de ver o luns pola tarde o paso dos cabalos pola Praza da Catedral de Mondoñedo cara ao campo da feria puido contemplar unha imaxe chamativa, pero sobre todo disfrutou do privilexio de ollar un dos principais actos das San Lucas.

Hai nas nosas feiras costumes que non poderían nin deberían faltar. Por exemplo, unhas San Lucas sen pregón resultarían incompletas porque lles faltaría unha declaración de amor a Mondoñedo: o arriba asinante cre que unha das maiores riquezas das nosas feiras é a súa capacidade para espertar en todos nós sentimentos e emocións. Tampouco serían igual de interesantes As San Lucas sen as casetas do polbo -e do xamón cocido, e do chourizo, e dos pinchos morunos...-, porque as feiras son tamén festas e o corpo necesita proteínas fronte a tanto desgaste. Nin habería San Lucas sen verbenas e pubs, como calquera pode imaxinar e como moitos poden confirmar.

Pero non habería San Lucas merecentes dese nome, dun nome que todos os sanluqueiros pronunciamos cunha mestura de paixón e de respecto, se lles faltase o que teñen de feira: os cabalos, os coitelos de Riotorto e de Taramundi, as primeiras castañas, os allos da semente... En días coma estes, no cerebro dos sanlqueiros actívase un mecanismo que nos leva a comportarnos dun xeito especialmente activo: non só vemos o gando ou compramos unha navalla senón que feireamos, verbo co que nos sentimos protagonistas comprometidos.

Calquera que vexa todo o que hai estes días en Mondoñedo comprenderá ademais que non é un escenario de cartón pedra senón un mundo real, composto por homes e mulleres para os que o traballo gandeiro ou artesán supón unha forma de vida. Ao arriba asinante, pois, non lle resulta difícil supoñer que o futuro de zonas rurais, sexan de Mondoñedo ou de concellos do arredor, é tan importante para o futuro das San Lucas como o pode ser un día de sol para que as rúas se enchan de sanluqueiros do interior e da costa dispostos a pasalo ben.

Fixar poboación nas zonas rurais, promocionar a agricultura ou dinamizar a artesanía poden ser argumentos ou promesas de calquera campaña. O que coñece As San Lucas sabe que non son palabras baleiras de contido senón necesidades reais.