Patrocinado porPatrocinado por

De cando Chantada tiña hortaOs heroes de Belesar

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

AGRICULTURA

Os veciños da ribeira vendían a diario na vila as súas hortalizas

01 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Moito antes dos tempos dos supermercados, Chantada tiña a súa propia horta na ribeira do Miño. Cada día, agricultores de Pincelo, A Sariña ou incluso Ervedeiro madrugaban para completar a pé ou en cabalerías un largo percorrido ata a vila. Era o camiño do rianxo, a denominación popular para as legumes que se cultivan nas hortas, e aínda hai veciños que poden contar como o facían. Dolores Rodríguez Blanco cargaba o rianxo na cabeza durante todo o camiño e saía as seis da mañá para chegar a tempo de vendelo o mercado de Chantada.

Dolores vive en Fondo de Vila, unha aldea bastante afastada na parroquia de Nogueira de Miño. Ten 95 anos e conserva unha saúde envexable que lle permite seguir traballando as súas terras. Ela conta que o rianxo eran moitas veces excedentes da agricultura e que tamén daquela había procedencias que garantían una mellor venda. «Na aldea de Sernande presumían de ter os mellores produtos», recorda. A esta aldea hoxe mergullada no encoro dos Peares moitos lle chamaban a segunda Valencia, porque polo seu clima particular e a calidade dos seus solos tiña sona de dar os mellores pementos, tomates, leitugas, verduras, cereixas e uvas de Chantada.

Todos os días ás seis da mañá

A ruta do rianxo non se facía unicamente cando en Chantada había feira. Había mercado todos os días, menos os domingos. Dolores recorda que antes da construción da estrada da ribeira había que saír ás seis da mañá, porque a ela o percorrido a pé ata Chantada leváballe «dúas horas, e andando ben». A cabalo aforrábanse forzas, pero non tempo. «Indo cun cabalo eran tres horas medidas polo reloxio», asegura con seguridade.

Ás veces, o camiño para chegar a Chantada era un sendeiro complicado tanto para os homes como para os animais, sobre todo no paso de Pincelo a Santiago de Arriba. Ao chegar a Chantada non eran poucas as veces que os labregos da ribeira acababan rápido o traballo, porque acostumaban a ter intermediarios aos que moitas veces lles vendían todo e podían voltar sen necesidade de facer eles a venda ao público.

San Bartolomeu de Belesar é unha parroquia da ribeira do Miño que tamén goza de bon clima para a horta e o viño. Está fóra da ruta de Erbedelo e Nogueira, pero tamén traía rianxo á capitalidade municipal, acompañado en moitas ocasións de peixe. Non era raro ver cestas na praza de abastos con bogas e anguías. As xentes de Belesar teñen na memoria as fazañas de cando se levaban cestos cargados de uvas ao lombo desde o pé do Miño ata o cumio do monte Faro. Ata alí subían os veciños da ribeira para vendelas nas moitas veces calurosas romarías do 8 de setembro, cun esforzo que aumenta o actual calificativo de heroica á viticultura destas terras.