Patrocinado porPatrocinado por

«Cando vexo a un mozo nunha granxa levo unha gran alegría»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

AGRICULTURA

Membro de Medio Rural, confía no relevo para as explotacións agrarias

29 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Luis Sánchez Rodríguez (Bamiro-Vimianzo, 1955) comezou a traballar para os gandeiros galegos hai case 34 anos -«fareinos o vindeiro 1 de xullo», explica- e hoxe, licenciado en Dereito, é o xefe de xestión do Servizo de Intervención de Mercados do Fondo Galego de Garantía Agraria, un organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Rural.

-¿Que fai un licenciado en Dereito traballando nun organismo tan «agrario»?

-Empecei a carreira de Químicas en Santiago, pero por un erro administrativo quedei sen bolsa de estudos e tiven que empezar a traballar. Así que con 20 anos entrei na Administración do Estado grazas a un anuncio que o meu pai atopou no periódico. Despois da guerra todos os cereais quedaron monopolizados polo Estado e creouse o Servizo Nacional de Trigo, do que eu dependía. O meu primeiro destino foi Betanzos e como tiña moito tempo libre dediqueime a ler media biblioteca da vila, ata que decidín usar este tempo e estudar e fixen a carreira de Dereito.

-¿En que consiste o seu traballo?

-O que máis facemos son inspeccións baseadas en subvencións ou intervencións comunitarias no sector da gandería e da agricultura. Pero tamén levamos moitos temas de axuda humanitaria. Cando hai excedentes de calquera produto e os prezos están baixos, compramos para cambiarllo a fábricas por produtos elaborados que despois lle cedemos a institucións benéficas. Na provincia de A Coruña, por exemplo, atendemos a 72 centros, que por desgraza teñen cada vez máis usuarios. No seu día tamén nos encargamos do tema das vacas tolas e das subvencións ao aceite de oliva que se usaban nas conserveiras galegas.

-Visita a diario as granxas da Costa da Morte. ¿Cambiaron moito en 34 anos?

-Moitísimo. Cando eu empecei a maioría eran granxas de subsistencia, cunha ou dúas vacas e moitas case terceiromundistas. Recordo que andabamos co papel carbón e desde Madrid nos dicían que tiñamos que facer as actas por triplicado, pero había tanta pobreza e tanto lixo nas granxas que eu sempre lles respondía que nós tiñamos que facelas por cuadriplicado porque un dos papeis quedaba sempre pegado á mesa na que escribiamos. Diso pasamos a explotacións moi competitivas. As granxas están informatizadas, teñen plans de xestión... Os mozos modernizáronas moitísimo. Cada vez que vou a unha granxa e vexo a un mozo ao fronte lévome unha alegría enorme, porque son a esperanza do sector. O problema é que o mercado globalizado implica moitos problemas, como o baixo prezo do leite. Agora se hai unha sobreprodución en calquera país que non somos nin capaces de pronunciar ou situar no mapa cae o prezo tamén en Galicia. Para ben o para mal, todos os movementos mundiais afectan ata a granxa máis pequena.

-Así non é raro que os mozos non queiran seguir no sector.

-Entendo perfectamente que non queiran seguir, porque é durísimo. Imaxina o que ten que ser levantarse a diario cando sae o sol e traballar todos os días da semana, sen vacacións, nin nada de nada. Todo isto evitaríase, por exemplo, facendo granxas máis grandes e compartindo os gastos entre varios socios. En calquera caso, o que teño claro é que non depende tanto da explotación, senón de quen a xestiona. Moitas veces non depende da explotación, senón da persoa.

luis sánchez xefe de xestión do servizo de intervención de mercados do fogga