Resultou gañadora dunha bolsa do Museo do Mar de Galicia cun proxecto titulado Sereas, consistente en retratar a mulleres que teñen o marco do mar como base das súas vidas. Para o desenvolvemento deste traballo, a fotógrafa viguesa Mar Cuervo elixiu Boiro como primeira parada. Non se decantou pola vila barbancesa só polo estreito vínculo que ten co mar, senón tamén pola atracción que espertou nela o programa Paséate con nós, deseñado pola Concellería de Turismo e no que participan, entre outras persoas, mariscadoras xubiladas.
-¿Quen decidiu a temática do proxecto, o Museo do Mar ou vostede?
-O premio do Museo do Mar consistía en escribir un proxecto que nos interesara e eu presentei un baixo o título Sereas. A idea era retratar unha serie de mulleres que traballasen no mar. Quería partir da mitoloxía das sereas que despistaban aos mariñeiros para presentar a unha muller capaz de compaxinar o traballo no mar con outros eidos como o agrícola ou o doméstico.
-¿Como se xestou a parada que fixo en Boiro no marco deste proxecto?
-Despois de gañar o concurso, o que fixen foi contactar con diversas confrarías. Desde Boiro respondeume Amalia López, a técnica de Turismo, que puxo todas as facilidades á miña disposición, entre elas, a varios dos participantes do programa Paséate con nós. Estaba claro que Boiro tiña que ser a miña primeira parada.
-¿Vai haber máis paradas en Barbanza?
-Aínda non sei cal vai ser a miña seguinte parada, pero quizais sexa Moaña, para retratar a bateeiras. O que busco é que no destino haxa xente interesada en participar no proxecto pois en fotografía, se os protagonistas non queren saír, non hai nada.
-¿Por que elixiu a mulleres vinculadas co mar para este traballo?
-O proxecto tiña que estar relacionado co mar e eu sempre fotografo a mulleres. Estou moi interesada no patrimonio inmaterial da feminidade, das cualidades innatas.
-¿Cal é o resultado do traballo que fixo en Boiro?
-Traballei con bastantes mulleres e fixen como 15 retratos. O que me gustou é o que sempre me atrae da fotografía, pasar tempo coas persoas e que me ensinen algo. Aprendín moitísimo e gustoume a capacidade e a forza da muller de Boiro, capaz de dedicarse ao marisqueo pola mañá e á casa e á horta pola tarde.
-¿Que mensaxe pretende transmitir con estas fotos?
-O que me gustaría é darlle un aire artístico ás mulleres que están a traballar cargadas cos aparellos e vestidas coas roupas propias das tarefas que desenvolven no mar. Tamén quero darlles protagonismo ás persoas, reflectir como son as xubiladas.
-Fala de 15 fotos, ¿non é complicado resumir varios días de traballo nun número reducido de imaxes?
-A edición é sempre o máis complicado, pois ninguén sae ben nun único disparo, nin sequera as modelos. Hai que facer moitas probas con fondos distintos e ver despois cal é a que mellor fala de cada persoa. No caso de Boiro, elixín 15 retratos doutras tantas mulleres, que nalgúns casos están combinados con detalles, como un aparello de pesca ou o barco no que traballaron.
-¿Cando se van ver os froitos deste traballo?
-O proxecto ten que estar listo en novembro, pois está previsto que a exposición se abra en decembro. Será unha mostra itinerante, que percorra Galicia ao longo dun ano. O que non sei son os lugares nos que se exhibirá.
-¿Que destacaría do seu paso por Boiro?
-Encantáronme as mariscadoras e a complicidade que existe entre elas. Había unha que hai sete meses que empezou e varias xubiladas que se axudaban entre si.