Unha boa parte da reunión promovida polo GDR dedicouse a analizar fórmulas para a xestión dos soutos que permitan superar os problemas asociados á idade avanzada de moitos propietarios destes terreos e ao feito de que estes bosques pertecen a miúdo a varios donos diferentes. Nas intervencións que abordaron estes aspectos -segundo indicou a xerente do GDR- apuntouse como unha posible solución a de crear cooperativas nas que poderían asociarse os propietarios xubilados que xa non recollen castaña. «Deste xeito poderían participar nos beneficios sen ter que apañar eles as castañas e limitaríanse a permitir que fagan outros o traballo», sinalou Raquel Zolle.
Produción ecolóxica
Os expertos que falaron no encontro recomendaron por outra parte fomentar o asociacionismo entre os produtores, o que permitiría solventar os obstáculos creados pola propiedade múltiple dos soutos.
No caso de que se opte pola produción ecolóxica -advertiron por outra parte-, hai que ter en conta que os membros dunha asociación deste tipo deberían obter a certificación oficial de forma colectiva, xa que o selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica non podería ser concedido a cada un dos propietarios do bosque de forma independente.
Banco de terras
Outra posible solución que se apuntou na reunión consistiría en inscribir os soutos no Banco de Terras de Galicia para que esta entidade se encargue de buscar xente interesada en facerse cargo da súa explotación mediante o aluguer dos terreos. Cabe tamén a posibilidade de que realizar pactos cos propietarios para alugar os soutos á marxe do Banco do Terras, pero solicitando a este organismo que sirva de mediador e que respalde legalmente os acordos alcanzados.
No caso de que os diferentes propietarios dun souto non se poñan de acordo para explotalo de forma asociada -apuntaron por outro lado os expertos- existiría tamén a posibilide de delimitar claramente as diferentes parcelas do bosque utilizando as modernas técnicas de xeorreferenciación. De todas maneiras, a fórmula asociativa é considerada como a máis recomendable para obter un rendemento económico deste recurso tradicional.