Patrocinado porPatrocinado por

«O momento do muxido é moi íntimo para as vacas »

ramón rivera LA VOZ / CARBALLO

AGRICULTURA

18 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un grupo de cinco persoas (tres mulleres e dous homes) decidiron fai un tempo xuntarse na localidade luguesa de Monterroso para formar a Granxa Maruxa, un lugar no que se respecta o medio ambiente e se manteñen as formas tradicionais de elaboración. Alén diso, os cinco granxeiros tratan ás vacas dun xeito exquisito. Alí todo xira en torno á ecoloxía. Todas as vacas están bautizadas e, algunhas delas, mesmo están apadriñadas por famosos como as cantantes Alaska e Bebe, ou a xornalista Isabel Gemio. Todo ese benestar dá como resultado o seu produto estrela: as Maruxas de nata, «unhas galletas totalmente caseiras». Marta Álvarez Quintero é a xerente da granxa.

-¿Como coidan ás vacas na granxa? Porque non é unha forma habitual.

-Ao parecer, non. Pero para min é lóxica pura, porque canto mellor trates a un animal, mellor te vai tratar el. O lugar é diferente porque lle poñemos música clásica. A corte está pintada, teñen camas de area e elas elixen onde durmir.

-¿Por que as teñen así? ¿En que lles beneficia?

-A vaca é un animal moi rutinario e calquera cousa diferente pódea estresar. Canta máis paz haxa, mellor vai estar. Iso repercute na saúde, nos partos. Beneficia en que a produción é de mellor calidade.

-¿Non os trataron de tolos cando comezaron co proxecto?

-Un pouco si (ri). Eu sempre vivín en casas bonitas e quixen que a granxa fose igual. A vaca é o animal máis decorativo, así que quixen poñer a corte igual.

-A alimentación das vacas é 100% ecolóxica.

-Temos o selo ecolóxico do Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia). Tamén é ecolóxico o que pastan as vacas, o penso complementario e a alfalfa.

-Co leite producido fan as «Maruxas de Nata», unha aposta polos produtos ecolóxicos.

-A ecoloxía é unha filosofía de vida. En Galicia non se pode vivir do leite, está a cousa moi complicada. Cada vez trabállase máis e págase menos. Entón pensei que había que facer unha diversificación. De súpeto, un día lembreime de que cando era pequena había unhas galletas de nata que facía a miña avoa e pensei que esa era a solución para seguir traballando no campo e coas vacas.

-Toda a produción ten un fin romántico: que o sabor das galletas evoque ao pasado, ás que facían as nosas avoas.

-E debémolo de conseguir porque todo o mundo comenta iso. Non queremos distribuidores, facemos nós todo. Imos ás feiras, ás tendas. Temos a sorte de que moita xente xa nos coñece. De feito, acabamos de mandar un cargamento de Maruxas de nata para Valencia.

-Ademais fan visitas á Granxa Maruxa para que a xente poida coñecer como funciona.

-Veñen moitas mulleres e xente do rural que queren ver cousas diferentes. Hai horas nas que non se poden visitar as vacas, por exemplo na hora de muxido, porque é un momento moi íntimo para elas. Teñen que estar moi tranquilas e as vacas pódense estresar. Mostrámoslles como están as vacas, e tamén a galletería. Ven que se elaboran e envasan manualmente.

marta álvarez quintero xerente granxa maruxa