Patrocinado porPatrocinado por

A agricultura ecolóxica nos puntos de venda a debate

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

AGRICULTURA

O Craega celebrou onte un curso en Santiago no que se analizou a comercialización destes produtos

17 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos últimos anos o sector dos produtos ecolóxicos está a experimentar un importante auxe, acompañado dun aumento de demanda e dun incremento dos puntos de venda. Foi precisamente esta última cuestión a que centrou o curso organizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), con sede en Monforte, que se celebrou na mañá de onte en Santiago.

Máis de cincuenta persoas relacionadas coa agricultura ecolóxica chegadas dende distintos puntos da comunidade galega asistiron á xornada, que comezou coa conferencia «A experiencia de Granxa familiar», a cargo do investigador e doutor europeo en Xeografía, Carlos Ferrás Sexto, director do proxecto na rede Granxa Familiar. O ciclo continuou da man de Antonio Elizagaray Larumbe, fundador da primeira tenda de alimentación ecolóxica en Pamplona, que ofreceu unha charla sobre as pautas de comercialización e venda das tendas ecolóxicas.

Logo dunha degustación de produtos ecolóxicos, o seguinte coloquio foi «A xestión do punto de venda», a cargo de Manuel Ares Díaz, fundador da tenda de alimentación ecolóxica Ecocentro Natureza, situada en Monforte.

O curso rematou cunha táboa redonda, na que os participantes puideron tratar aqueles aspectos relacionados cos alimentos ecolóxicos sobre os que estaban interesados. O coloquio tivo lugar de despois da charla «A comercialización dos produtos ecolóxicos», ofrecida polo xerente da empresa navarra Gumiel y Mendía de Lodosa, Javier Mendía Alegría.

O presidente de Craega, José Antonio Fernández, valorou moi positivamente a experiencia, que agarda repetir para o ano que vén. «Deberíamos celebrar máis xornadas relacionadas coas tendas e os puntos de venda, xa que é algo que as persoas que se dedican á agricultura ecolóxica precisan para incorporase ao mercado», sinala. Así, dende o curso buscábase dotar ao comercio de coñecementos específicos sobre o sistema de produción ecolóxica, así como mellorar a comercialización dos produtos amparados pola denominación de orixe Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Outro dos obxectivos da xornada organizada polo Craega roi incrementar a implantación dos produtos ecolóxicos nos puntos de venda e proporcionarlles as ferramentas e estratexias de marketing que faciliten a presentación e a oferta de produto ecolóxico aos seus clientes. Ademais de persoas que traballan no sector da agricultura ecolóxica, tamén participaron outras que teñen pensado facelo proximamente.