Patrocinado porPatrocinado por

O manexo de agroecosistemas sostibles centrará un curso de verán na granxa Gayoso Castro

La Voz LUGO/LA VOZ.

AGRICULTURA

14 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O manexo de sistemas agrícolas que respecten o medio ambiente centrará o curso de verán da Universidade de Santiago que os días 27 e 28 de xullo se desenvolverá nas instalacións da granxa Gayoso Castro baixo a dirección de Xan Neira Seijo, María del Carmen Jaizme Vega e José Luis Porcuna Coto.

Expertos en agricultura ecolóxica que desenvolven o seu traballo en diferentes institucións e organismos de Galicia, Valencia, Estremadura e as Illas Canarias serán os encargados de impartir un total de sete relatorios nos que abordarán diferentes aspectos a ter en conta á hora de buscar un incremento na produción agrícola dun terreo sen deteriorar os recursos naturais de xeito considerable. O programa do seminario complétase cunha visita guiada aos fitos históricos, etnográficos, paisaxísticos, sociais e culturais que conforman a singularidade da comarca da Terra Chá.

Cunha duración de quince horas, este curso conta coa colaboración do Concello de Castro de Rei, a Fundación Cetal, a Deputación Provincial, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, a Sociedade Galega de Agroecoloxía, o Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).