Patrocinado porPatrocinado por

Bioalimentación na casa e na escola

AGRICULTURA

O persoal do Craega falou con pais e alumnos de Monforte sobre como popularizar o consumo de produtos de agricultura ecolóxica no ámbito escolar e familiar

30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A celebración do segundo congreso galego de agricultura ecolóxica e da primeira mostra agroecolóxica Terra Sacra alcanza tamén aos centros educativos de Monforte. Os alumnos e pais do colexio A Gándara protagonizaron onte unha serie de actos organizados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para fomentar no ámbito escolar e familiar o coñecemento e o consumo de produtos agrobiolóxicos, algo que en Galicia ten aínda unha implantación moi limitada.

Durante a mañá, o persoal do Craega impartiu aos alumnos do centro unha serie de charlas divulgativas nas que se lles explicou en que consisten os alimentos ecolóxicos e o papel que poden desempeñar nunha alimentación sa e equilibrada. Os rapaces puideron probar despois un menú a base destes produtos no comedor do centro, o que xa se lles ofrecera o luns aos alumnos do instituto Río Cabe. Entre ambos actos, a responsable de comunicación do Craega, María Jesús Garza, dirixiu un coloquio con pais e profesores no que se falou de como fomentar o consumo de produtos ecolóxicos no colexio e na casa, e no que saíron a relucir algúns dos problemas e dúbidas que seguen rodeando estas cuestións.

As dificultades que teñen os centros educativos para integrar os produtos ecolóxicos no seu menú foron sinaladas pola directora de A Gándara, Sara Fernández. «Ofrecer un menú ecolóxico no comedor do centro sería o ideal, pero para iso sería necesario que se implicase máis a Administración, porque estes produtos son máis caros que os convencionais e cun presuposto de 1,70 euros por alumno e día non podemos asumilo», dixo. O elevado prezo que teñen hoxe moitos destes produtos foi mencionado tamén polos pais e nais que partiparon no debate. «Pagar case tres euros por un quilo de mazás ecolóxicas non está ao alcance de todo o mundo», sinalou unha participante. Noutros momentos do coloquio falouse ademais da reducida distribución que teñen estes produtos en Galicia e sinalouse, a modo de exemplo, que en Monforte só hai un comercio especializado neste sector.

María Jesús Garza recoñeceu que o custo dos produtos é un obstáculo importante para a súa popularización, pero transmitiu a confianza dos responsables do Craega en que os prezos se fagan máis asequibles cando o consumo estea máis estendido. «É un problema de oferta e demanda e en Galicia a demanda é aínda moi baixa, a pesar de que o número de produtores aumentou moito nos últimos anos. O que pasa é a que maior parte do que producen vai para fóra», engadiu. Non obstante, avogou por facer un esforzo económico por integrar estes alimentos na dieta familiar, dadas as súas vantaxes sanitarias e ambientais e sobre todo tendo en conta o crecente problema da mala alimentación e da obesidade infantil. Así mesmo, Garza asegurou que o Craega se esforzará por mellor a distribución destes produtos, especialmente os perecedoiros.