Patrocinado porPatrocinado por

Románico célebre, pero descoñecido

AGRICULTURA

A información turística difundida en folletos e páxinas web apenas permite facerse unha idea do valor e das dimensións do patrimonio medieval da Ribeira Sacra

15 feb 2008 . Actualizado a las 11:10 h.

Xunto coa viticultura, o patrimonio románico é un dos principais sinais de identidade do territorio hoxe coñecido como Ribeira Sacra. Non en van esta zona posúe unha das maiores concentracións de románico rural de Galicia, con cerca de sesenta igrexas e mosteiros que se poden encadrar -ao menos en parte- nesa época. Pese a esta importancia, hoxe non é fácil que un posible visitante foráneo encontre información suficiente como para facerse unha idea cabal das dimensións e da importancia deste patrimonio.

Sobre o románico da Ribeira Sacra é posible encontrar informacións parciais en diversos folletos turísticos e guías editados nos últimos anos, por iniciativa pública ou privada, que normalmente só se ocupan do patrimonio dun municipio determinado ou que o mencionan dunha maneira moi xenérica e sen entrar en detalles. O que non existe por agora é un folleto ou unha guía prática de fácil acceso que poida proporcionar unha visión de conxunto deste extenso patrimonio. Unha guía da Ribeira Sacra editada hai un par de anos por Turgalicia, polo que respecta ao románico, limítase a sinalar a existencia de quince igrexas deste tipo na zona, sen mencionar para nada os demais templos e mosteiros.

Quen intente documentarse sobre o patrimonio románico da zona en Internet tampouco o terá fácil para facerse unha idea ampla do tamaño e da variedade deste conxunto monumental. A información territorialmente máis completa é talvez a que ofrece a páxina web do Ecomuseo de Arxeriz (sotodefion.org), onde un mapa interactivo recolle 57 monumentos románicos repartidos en trece municipios da zona. Non obstante, esta páxina ten o inconveniente de que pode ser difícil de localizar nos buscadores máis populares de Internet se só se utilizan como criterios de busca os termos Ribeira Sacra ou románico .

Orixe foránea

Os sitios web máis fáciles de encontrar con estes criterios -que tampouco poden considerarse numerosos- ofrecen unha información bastante máis escasa e fragmentaria. Chama a atención o feito de que algunha das páxinas que presentan datos máis abundantes está elaborada e editada fóra de Galicia. É o caso da páxina 1romanico.com , que inclúe dúas rutas do románico na Ribeira Sacra, unha delas entre Chantada e O Saviñao e outra por Pantón, Monforte e Ribas do Sil. Outro portal sobre arte medieval española, Arteguías.com , recolle breves informacións sobre o patrimonio románico xeral da zona e sobre os mosteiros de Ferreira de Pantón e Santo Estevo de Ribas de Sil. Curiosamente, neste apartado menciona tamén a igrexa de Santo Tomé de Serantes, no municipio de Leiro, pertencente á comarca ourensá do Ribeiro.

A páxina de Internet que comparten o consello regulador da denominación de orixe vinícola e o consorcio turístico da Ribeira Sacra non contén ningunha sección dedicada especificamente ao patrimonio románico espallado polo territorio. Iso si, menciona algúns monumentos románicos da zona -como os mosteiros de Pantón e San Pedro de Rocas ou a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño- dentro dun apartado no que figuran diversos lugares de interese histórico e monumental de variadas épocas e estilos.

Tamén é posible informarse sobre os monumentos románicas nalgunhas webs municipais da zona, como son as de Chantada, Taboada ou Pantón, pero nestes casos só se fala do patrimonio do municipio correspondente e sempre dunha forma moi sucinta.