Patrocinado porPatrocinado por

VAI POR AÍ Habitacións dos sentidos

La Voz

AGRICULTURA

25 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Como o determinismo sempre me pareceu un asunto bancario non vou advertir que a exposición de Antón Lopo na Casa da Parra é a mostra dun poeta. Non vai por aí o carácter da proposta porque en realidade a experimentación que practica o escritor non somete a tensión á linguaxe para convertela nunha revelación ou nunha experiencia estética senón que a tensión a realiza sobre os materiais previos: previos á poesía, quero dicir. Previos a case toda experiencia artística que, ben ou mal mirada, non é outra cousa que estilización dalgunhas maneiras de sentir, de entender ou de non saír nunca máis da burbulla. Paradoxicamente, Dentro é un exercicio de exteriorización dalgúns materiais que teñen sido centro de tantas tradicións culturais diferentes que acabaron sendo asimilados como cultura universal ou como prototípicos da especie humana na interpretación máis optimista do carácter humano. A mostra é unha revista que repasa os sentidos revisados desde un espazo tan concreto como un denominador común, que delimita nun sentido e abre noutros as posibilidades de interpretación. Lopo é consciente tamén de que as interpretacións debe ter sempre un certo sentido colectivo e por iso utiliza as sensacións dos invitados para explicar ese catálogo verdadeiramente procedente da especie humana no que a cada circunstancia se corresponden un milleiro de interpretacións. Tamén valería interpretalo nun sentido menos orteguiano e máis experiencial: As cousas son como se perciben. Pero tamén desde esta perspectiva a proposta de Antón Lopo demostra que o sentidos non son un asunto xenético. Hai unha doble viaxe neste camiño de herba porque cada quen é un xeito de percibir. A realidade, incluso ese mito da realidade poética, é como a percibimos pero cada quen está feito dun tipo de percepción particular, aprendida, destilada, decantada, condicionada pola memoria e pola experiencia. As habitacións dos sentidos que propón Lopo recolocan ao espectador fronte ás sensacións cruzadas. Unha forma de abarrote que insiste en que a capacidade de suxerir depende máis do receptor mentres suxire deixarse levar pola capacidade do intuitivo. Que si, que tamén é aprendido e que nos engana co seu automatismo para facernos crer que está aí desde sempre. A Casa da Parra respira aire arcádico, pero esta apreciación depende da recepción particular, da infancia agrícola e dun tempo que non se deu e que non foi nin patriótico nin feliz.