Patrocinado porPatrocinado por

O SLG tacha de «antidemocrático» ó presidente do Craega, Gabino Vázquez

La Voz LA VOZ | MONFORTE

AGRICULTURA

30 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?s representantes do Sindicato Labrego Galego acusaron onte en Monforte a Gabino Vázquez, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega), de non respectar o calendario dos plenos que este organismo debe celebrar por lei cada tres meses. Segundo o SLG, o último pleno debería terse celebrado o pasado día 27 e aínda non foi convocado. A vocal do SLG no Craega, Agatha Broeskamp, e o responsable de agricultura ecolóxica deste sindicato, Xan Pouliquen, consideran que Gabino Vázquez está demostrando un «talante antidemocrático» e que está convertendo o referido organismo nun «grupo de amiguetes». Ó seu xuízo, a xestión do presidente está perxudicando os intereses do sector, dado que «ó non se reunir o pleno do Craega, nin se discute o futuro da producción ecolóxica nin, por suposto, se teñen en contas as múltiples propostas do SLG para desenvolver o sector». Por outro lado, o SLG afirma que o Craega segue sen contar cun regulamento propio, «cousa que se debería ter feito nos cinco anos de consello provisional e non se fixo», segundo esta organización. Respostas Pola súa parte, Gabino Vázquez asegura que o prazo legal para celebrar o próximo pleno do Craega non remata ata o 30 de xuño. «A normativa esixe celebrar alomenos un pleno cada tres meses, pero no primeiro trimestre xa houbo dous e aínda falta un mes para que se cumpra outro trimestre desde o último pleno», afirma. «Durante estes meses tamén se celebraron varias reunións de traballo, ás que por certo non asistiu a vocal do SLG», engade. Segundo o presidente do consello regulador, as críticas que lle dirixe o SLG responden a dous moitivos. Por unha parte, Vázquez afirma que «os representantes deste sindicato andan utilizando o logotipos do Craega para as súas iniciativas sen permiso do organismo, o que é ilexítimo. E a vocal do SLG tamén se ten arrogado a representación do Craega en diversos foros. Por estes motivos se lles enviou esta semana un escrito de aviso e esas declaracións contra a presidencia son a súa resposta», asevera. Por outra parte, cre que detrás das críticas do SLG hai un afán de «obter rendabilidadade política destacando uns aspectos negativos totalmente inventados e a custa de perxudicar a un sector polo que ese sindicato nunca fixo nada». Vázquez, así mesmo, afirma que o sector experimenta en Galicia un crecemento que supera a media española e que as facturacións das empresas se triplicou nun só ano.