Patrocinado porPatrocinado por

Os mellores produtos do agro galego estarán no Fórum

La Voz

SOMOS AGRO

XOÁN A. SOLER

Un total de 30 empresas participarán no evento baixo o paraugas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ademais, o espazo institucional contará cunha área para actividades gastronómicas e cun túnel do viño con máis de 70 referencias

18 sep 2022 . Actualizado a las 11:59 h.

Os produtos agroalimentarios galegos terán unha presenza destacada no Galicia Fórum Gastronómico que se celebrará en Expocoruña entre os próximos días (do 25 ao 27 de setembro). A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará neste evento xunto cunha trintena de empresas coexpositoras do sector agroalimentario.

As empresas que acoden ao Fórum baixo o paraugas de Medio Rural ofrecerán unha completa representación de produtores variados, adegas, queixerías, xeados, galletas ou mel, entre outras referencias de calidade. Cada unha destas empresas disporá dun espazo personalizado repartidos en cinco illas (postos do 110 ao 139).

Ademais, o espazo institucional do Goberno galego neste certame contará cunha área específica para actividades gastronómicas, a Aula de Experiencias, así como cun túnel do viño onde estarán representadas máis de 70 referencias de viños, augardentes e licores da nosa comunidade.

Nesta aula están programadas para os tres días do evento unha serie de actividades dirixidas polo persoal dos consellos reguladores dos produtos con indicativos de calidade diferenciada e da propia Axencia. Así, haberá catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e celebraranse varias exhibicións (showcookings) con preparacións culinarias a base destes produtos, dirixidas por especialistas do mundo da restauración. Por outro lado, a Xunta e os consellos reguladores participarán tamén no espazo Ágora do Fórum, cunhas presentacións e elaboracións dirixidas e comentadas por profesionais.

Lei da calidade

A presenza no Fórum forma parte da estratexia xeral da Xunta a prol da ordenación, o fomento e a promoción da calidade alimentaria. Unha liña de traballo que ten como un dos seus referentes e guías de actuación a futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en elaboración.

O principal obxectivo desta norma é o de poñer en valor e salvagardar a excelencia e o prestixio dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade. Trátase de que alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, de favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Tamén se buscará recoñecer que todos estes produtos pasaron rigorosos controis de calidade e que estiveron sometidos a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Entre as diferentes novidades da futura norma, inclúense a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada —coma por exemplo as denominacións de orixe—, a mellor distinción entre calidade estándar e calidade diferenciada ou a nova normativa de contratación pública de produtos alimentarios, centrada na redución do impacto ambiental.

Ademais, a nova lei contemplará a creación de dous novos órganos: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. O primeiro estará formado por representantes das Administracións públicas con competencias en materia alimentaria así coma das organizacións, institucións e grupos tanto públicos coma privados que son partícipes neste eido. Este será un órgano colexiado, e as súas funcións serán propoñer e asesorar nos labores, plans estratéxicos e proxectos normativos que se leven a cabo neste ámbito, ademais de propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para a calidade alimentaria de Galicia.

Pola súa parte, a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada estará formada por representantes de cada unha das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e das principais asociacións da artesanía alimentaria, así como da propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da dirección xeral competente en materia de mercados da pesca. Terá un gran abano de funcións, mediante as cales buscará asesorar á Xunta para o impulso do sector alimentario da calidade diferenciada de Galicia.

Mediante esta nova norma, a Xunta busca fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada na nosa comunidade; ademais de asegurar a calidade dos produtos alimentarios producidos, elaborados ou comercializados e a súa conformidade coa normativa de aplicación. Así mesmo, tamén busca regular os consellos reguladores, as obrigas dos operadores e a actuación da inspección para mellorar a eficacia do sistema de control oficial, perseguir as prácticas fraudulentas e regular o réxime de sancións correspondente.

O MERCADO DIXITAL

Nesta mesma liña, e para facilitar a comercialización das producións senlleiras do agro galego, a Xunta puxo en marcha recentemente o mercado dixital dos produtos galegos de calidade, un portal no que estas referencias se poden vender e mercar, garantindo as mellores prácticas e promocionando un consumo de proximidade e de calidade.

Así, a través do portal dedicado ás 36 experiencias de calidade (https://experienciasdecalidade.gal/gl) galegas pódense comprar xa —dende calquera punto de España— os viños, augardentes, licores tradicionais, queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2021, aínda que de xeito paulatino se irán incluíndo tamén o resto de produtos con distintivo de calidade.

Esta é unha forma de valorizar, promocionar e recoñecer a excelencia das experiencias de calidade que nacen en Galicia, ao tempo que se contribúe á competitividade dos produtores locais, posto que son eles mesmos os que fixan os prezos das súas producións e os que reciben integramente a cantidade que se paga por cada unha.

Desta forma, a Xunta potencia o circuíto curto a través dunha plataforma loxística innovadora como é este mercado dixital, elaborado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.