Marcos García: «O silo de millo é a forraxe máis rendible por quilo de materia seca»

SOMOS AGRO

Afirma que o cambio climático dá máis valor aos ensaios en busca de novas sementes
27 may 2022 . Actualizado a las 09:28 h.Entre Barbanza e a Costa da Morte sementase tanto millo forraxeiro coma en toda Asturias e Cantabria xuntas. En total, algo máis de 12.000 hectáreas, o que supón un récord da superficie dedicada a un cultivo que xa se converteu en imprescindible para as explotacións gandeiras. Neste sentido, cada vez resulta máis relevante o traballo de técnicos coma Marcos García Vázquez (Brión, 1980), asesor agronómico de Bayer, primeira multinacional de sementes do mundo, que cada ano buscan e proban as variedades de grao que mellor se adaptan a cada una das zonas.
—Este ano supéranse as 12.000 hectáreas na zona. Por que cada tempada medra a superficie dedicada a millo?
—Crece, principalmente, porque os profesionais do campo buscan optimizar custos e rendibilizar a actividade económica. Sabemos que mais da metade dos gastos dunha granxa lévaos a alimentación do gando e, neste sentido, o silo de millo é a forraxe mais rendible por quilo de materia seca e de aporte enerxético. Todo isto nun contexto no que cada vez se tende máis a minimizar a utilización de insumos externos en detrimento dos recursos propios.
—Fálase moito dos beneficios que o ensilado da gramínea aporta ás vacas. Cales son os seus principais nutrientes?
—A vaca necesita, sobre todo, achegas importantes de proteína, fibra e enerxía, sendo o millo forraxeiro especialmente rico nestes dous últimos aspectos. Tendo en conta isto, se conseguimos reducir o consumo de pensos en favor do silo de millo estaremos mellorando sensiblemente a rendibilidade da granxa.
—Os gandeiros quéixanse do cara que é a sementeira.
—O millo resulta un cultivo caro, pero tamén moi rendible. Ben é certo que este ano non pode tomarse como referencia porque se dispararon os custos do gasóleo ou dos fertilizantes con respecto a anos anteriores e iso vai encarecer a milleira. Con todo, a rendibilidade en contraste cos gastos de sementeira ou cos prezos dos pensos segue a ser moi elevada.
—Tamén se fala dos beneficios que permite o gran húmido polo que cada vez apostan mais granxas. En que consiste a técnica?
—Basicamente, en coller unicamente o grao e non a totalidade da planta como se fai nun ensilado convencional. Isto permite obter un alimento rico, moi rico en amidón que permite substituír parte do penso por este gran húmido de millo. Trátase doutra práctica que aposta pola eficiencia, a rendibilidade e o aproveitamento dos recursos propios. Se nunha granxa temos cubertas as necesidades básicas de forraxe, esta técnica é unha gran alternativa para revalorizar o alimento propio e, en definitiva, producir máis barato, que é do que se trata.
—Cada ano leva a cabo campos de ensaio de millo na zona. Que se busca con estas probas?
—Buscamos adaptar a nosa xenética Bayer-Dekalb ás condicións climáticas e edafolóxicas de cada zona. Tamén queremos dispor daquelas variedades mais resistentes a enfermidades e, por suposto, queremos dar ao agricultor as sementes que permitan obter unhas forraxes de calidade ricas en enerxía, amidón e cunha gran dixestibilidade para o animal. Cos campos de ensaio tamén buscamos aquelas variedades que necesiten menos cantidades de auga e abono, elementos claves nos retos ambientais.
—Está a rexistrarse un cambio nos patróns atmosféricos. Como afecta isto ao millo?
—O cambio climático e algo constatado que dá máis valor aos ensaios na busca de sementes con menores necesidades hídricas. Nos últimos anos, o aumento da temperatura permitiu que a sementeira fose máis cedo e se apostase por ciclos de maduración mais longos que permiten mellores producións. En calquera caso, resulta imprescindible ir adaptándose á necesidade climática de cada zona.
—O ano pasado obtivéronse na zona máis de 400 millóns de toneladas de millo. Será tamén este un bo ano para o cultivo?
—Resulta imposible sabelo. Si é certo que, con respecto á sementeira e ao control de malas herbas vemos que cada ano se está mellorando, polo que, se todo vai con normalidade, as producións deberían seguir aumentando.