Patrocinado porPatrocinado por

Sección plumas con mando | As oportunidades da recuperación da terra

Alejandro Sánchez de Dios

SOMOS AGRO

Alejandro, á dereita, nunhas xornadas no Couto (Ponteceso)
Alejandro, á dereita, nunhas xornadas no Couto (Ponteceso) BASILIO BELLO

Escribe o Subdirector de Mobilidade de Tierras (Agader) |  A lei facilita unha serie de ferramentas de posta en valor, tamén nesta comarca

03 oct 2021 . Actualizado a las 11:06 h.

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia facilita toda unha caixa de ferramentas para a posta en valor do territorio rural da nosa comunidade. Falamos de instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos eles están orientados a potenciar o aproveitamento tanto da terra con vocación agrícola como gandeira ou forestal, porque cremos firmemente na compatibilidade de usos no territorio. De feito, estas e outras ferramentas teñen como finalidade -ademais da propia recuperación da terra- contribuír á ordenación do territorio rural, colocando cada cousa no seu sitio. Outro dos seus obxectivos é favorecer a prevención activa dos incendios forestais, mediante o fomento, sobre o terreo, da actividade agrogandeira e forestal. En fin, o que queremos é propiciar a recuperación demográfica, avanzar na mellora da calidade de vida da poboación e anticiparnos aos lumes.

Cómpre salientar, neste sentido, que todas estas figuras adáptanse perfectamente a calquera comarca rural de Galicia, entre elas, por suposto, á Costa da Morte. Teñen unha gran versatilidade e fundaméntanse no seu carácter voluntario, a través de arrendamentos e cesións, da transmisión da titularidade das parcelas ou da xestión conxunta.

Ademais, presentan vantaxes con respecto aos mecanismos de mobilización da terra actualmente existentes e que se seguirán impulsando, caso das concentracións parcelarias. Entre estes beneficios, a mobilización de terras faise preferentemente a demanda de iniciativas produtivas que acrediten a súa solvencia técnica, económica e produtiva. Tamén, o custo das actuacións no territorio será asumido, maioritariamente, polos interesados na explotación da terra, podendo ser obxecto de apoio público para incentivar a actividade económica. E ademais a superficie que se mobilice, haxa ou non reestruturación da propiedade, terá prioritariamente o tamaño suficiente para garantir a rendibilidade da súa xestión, baseada na sustentabilidade económica, social e ambiental que esixe a sociedade actual.

Se entramos a debullar cada unha destas ferramentas, canto aos polígonos agroforestais temos que destacar que o seu principal obxectivo é a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización. No caso dos polígonos cortalume, trátase de aportar novas solucións á loita contra os incendios, convertendo unha figura clásica, as devasas, en polígonos nos que a prevención de lumes se combinará coa posta en valor destas zonas.

Coas aldeas modelo búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada ao redor dos núcleos de poboación, creando actividade agrogandeira e, ao tempo, previr incendios. Así, o conxunto dos terreos recuperados funciona como devasa natural fronte aos lumes, xa que son os cultivos os que actúan como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Por último, as agrupacións teñen por finalidade a xestión conxunta e sustentable dos terreos agroforestais. Neste caso, poden solicitar o seu recoñecemento como tales diferentes entidades, sociedades ou cooperativas.

En definitiva, a Lei de recuperación da terra agraria é unha oportunidade de enorme interese para todas as persoas que xa vivan ou que desexen vivir «no» ou «do» rural. Unha oportunidade para facer Galicia rural.