Patrocinado porPatrocinado por

Xosé Luis Brage: «O patrimonio ecolóxico de Galicia está, a día de hoxe, en grave perigo»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

SOMOS AGRO

CESAR TOIMIL

Di que «o ecosistema está sufrindo un proceso de degradación moi preocupante»

19 jul 2021 . Actualizado a las 16:10 h.

Xosé Lois Brage (Ferrol, 1970) é un firme defensor do patrimonio ecolóxico galego. En todos os ámbitos. E do afán por defender ese patrimonio naceu a granxa Os Ares, ubicada na parroquia ferrolá de San Xurxo, na que traballa para salvar da extinción dúas razas autóctonas, a ovella e a cabra galegas, ás que en breve sumará outra especie máis, a galiña piñeira, considerada a máis antiga de Galicia. Criminólogo de formación, e oficial de policía de profesión, Braxe, que durante largos anos estivo moi vencellado tamén ao mundo do deporte (foi un dos grandes karatekas galegos), dedica a práctica totalidade do tempo que lle deixa libre o seu labor profesional a buscar fórmulas para que a natureza de Galicia poida perdurar en toda a súa diversidade. «Hai que tomar conciencia, antes de que sexa demasiado tarde -di Braxe-, de que, a día de hoxe, o patrimonio ecolóxico de Galicia está en grave perigo de desaparecer».

-A medio prazo, que futuro lles agarda a razas autóctonas coma as da ovella e a cabra de Galicia?

-Eu creo que terán futuro. Para iso estamos facendo, moitos criadores, todo o esforzo que podemos. Confío en que saian adiante. E ademais penso que iso é bo para todos. É beneficioso para Galicia no seu conxunto. Os animais domésticos tamén forman parte do patrimonio natural do noso país. Conservalos é fundamental para o medio ambiente. Cousa que, por desgraza, non sempre se ten en conta.

-A que se refire?

-Refírome a que tanto a ovella como a cabra de Galicia, que están vivindo no noso país desde a antigüidade, están perfectamente adaptadas ao noso medio natural, e axudan a preservalo. Cousa que á súa vez permite, por exemplo, loitar conta os incendios, porque o monte que os animais manteñen limpo non vai arder, e esa é a mellor maneira de evitar os incendios forestais.

-Vostede é un gran defensor, tamén, da reforestación.

-Por suposto. Eu creo que a reforestación é imprescindible. Admiro moito o que se fai nos países do norte de Europa, nos que ninguén corta unha árbore sen ter previsto xa plantar outra. O medio ambiente haino que ver, sempre, cunha perspectiva integral.

-A sociedade galega, no seu conxunto, é consciente da importancia de preservar o ecosistema?

-Hai sectores que son conscientes, e hai sectores que non o son. Coma en todo. Pero o certo é que o ecosistema está sufrindo un proceso de degradación moi preocupante. Imos a peor. E deberiamos ter en conta que o patrimonio natural é todo: desde os grandes bosques, e por suposto a paisaxe, ata os nosos insectos, como a vacaloura, que fai un papel moi importante e que está a piques da súa extinción, tamén.

-E onde está, na súa opinión, a raíz do problema?

-É un problema de egoísmo. Somos demasiado egoístas. Non nos decatamos de que o patrimonio natural é de todos. E esquecemos que as xeracións futuras teñen dereito a disfrutalo.

«A gandeiría tradicional é un ben para todos, e por suposto non contamina» 

Xosé Lois Brage afirma que «a gandeiría tradicional é un ben para todos, e por suposto non contamina. Argumenta a súa afirmación mediante un exemplo moi concreto: «Cando ti tes gando estabulado, e especies foráneas, probablemente obteñas unha rendibilidade económica maior; pero, a cambio -engade-, estarás tendo unha produción de moita peor calidade, e ademais atoparás problemas para eliminar os residuos que xeran eses animais. En consecuencia, estarás contaminando. Pero se crías especies galegas autóctonas, que conviven co medio natural perfectamente, non precisas ter estabulados os animais. Están pacendo libremente, andan ao aire libre e os seus residuos non só non contaminan, senón que serven como abono para o chan.

-Que lle diría vostede a quen afirma que a carne é mala?

-Que a carne é boa. E a de animais que se crian de xeito respectuoso co medio ambiente, especialmente boa. Outra cousa son os excesos, claro está. Pero para unha alimentación equilibrada, a boa carne é imprescindible. E podo asegurar que a carne das especies autóctonas de Galicia, como as que criamos na nosa granxa, ten una calidade excepcional. Cousa que saben moi ben algúns grandes cociñeiros, que a valoran e que a ofrecen a un público que busca a excelencia nos produtos que consume. O futuro está aí.

-Véxoo moi esperanzado coa posibilidade de abrir novos mercados, no mundo da alta gastronomía, para as carnes de gandeiría galega tradicional...

-Non teño ningunha dúbida de que iso vai ir a máis. Cando un cociñeiro ve a calidade desas carnes, sempre as valora. O mercado vai ir medrando pouco a pouco. E é importante para todos, quero subliñalo de novo. As cousas ben feitas sempre estarán aí.