Patrocinado porPatrocinado por

David Vázquez: «As normativas europeas deberían adaptarse á realidade dos territorios»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Ana Garcia

Agricultura na Costa da Morte | Graduado en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, asegura que a suba das materias primas non se viu reflectida no prezo do leite

29 abr 2021 . Actualizado a las 20:23 h.

Graduado en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e formado cun máster en Produción de Leite, David Vázquez Novás encarna a terceira xeración dunha explotación de leite en Almozara (Santa Comba). Colabora habitualmente coa EFA Fonteboa de Coristanco, participando en iniciativas de formación e acollendo a estudantes en prácticas.

-Dende rapaz tivo claro cal sería o seu camiño. Como foi a resposta dos seus pais?

-Apoiáronme dende o principio. Tíveno claro dende moi pequeno e eles sempre trataron de que me involucrase e que fose collendo as rendas disto.

-Dende os inicios ata as preto de 250 cabezas que teñen agora, foi todo un periplo.

-Si, empezaron meus avós a vender leite no 1968 e fixeron as primeiras instalacións arredor do 1970. Despois, no 2002, aproveitamos as axudas dos plans de mellora para mover a granxa a unha parcela separada da casa. Foi un crecemento sostido ata a miña incorporación e a última ampliación fixémola este mesmo ano: uns 700 metros cadrados máis que nos permiten ter sobre 200 vacas en muxidura e soster a recría.

"Sen garantir o relevo dos animais que se van indo é imposible continuar"

-Fundamental a recría para o modelo gandeiro actual.

-É esencial, porque sen garantir o relevo dos animais que se van indo é imposible continuar. Ademais, supón un aforro importante e permite controlar o aspecto xenético, que é moi importante na actualidade.

-Vostede colleu o relevo dunha explotación xa en marcha. Sería factible comezar de cero?

-Sería tremendamente complicado e non só pola inversión que require, senón polos coñecementos sobre produción de leite que van pasando de xeración en xeración. Tamén é certo que hai explotacións sen relevo xeracional que poderían proporcionar o aluguer das instalacións e mesmo a venda dos animais, o que facilitaría a incorporación de xente nova.

-En todo caso, o aspecto formativo é esencial.

-Sen dúbida, e cada día máis xa que o modelo actual é moi cambiante e hai que formarse continuamente.

-Sobre todo, coa normativa.

-Certo, e estar ao día deses cambios que van xurdindo permite anticiparse e orientar correctamente os investimentos. Sen formación é imposible chegar a esas canles.

-Ata que punto a nova lexislación europea é aplicable á realidade agraria galega?

-Está ben que a Unión Europea marque unhas directrices, pero deben adaptarse á realidade de cada territorio. Aquí, por exemplo, temos unha base territorial moi minifundista e iso fai que nos custe máis cumprir coa normativa. En canto a emisións, non obstante, o sector lácteo galego está destacando polo aumento da produción e iso fai que a pegada de carbono ou outros indicadores como o aspecto hídrico se dilúan entre a maior produción. Temos uns valores moi bos, pero iso require de inversións e que sobre todo eses investimentos se reflictan tamén no prezo do leite: se non é sostible, entón é imposible continuar.

Ana Garcia

-Podería derivar na desaparición de explotacións pequenas?

-Adaptarse ás novas normativas sempre vai levar parellos uns maiores custos tanto nas instalacións como nos procesos en si mesmos. Se non se lle dá máis valor ao produto en si mesmo, xa non digo sacar máis subvencións, a moitas explotacións vailles custar. E hai que ter en conta que o relevo xeracional está supeditado á viabilidade económica.

-Como está o prezo do leite?

-A nivel internacional está subindo, sobre todo a manteiga e o leite en pó. O que sucede é que temos un modelo de contratos no que non se recollen subidas ou baixadas conforme ao prezo de mercado e firmáronse acordos a prezos bastante inferiores ao actual. Tamén estamos moi condicionados pola suba de materias primas dos últimos tres meses: a soia, por exemplo, está un 30 % máis cara. Supostamente, cando se firman os contratos debería haber unha cláusula que garantise a cobertura dos custos de produción, pero esa suba nas materias primas non se está vendo reflectida no que pagan polo leite.

-Debería apostarse polo ecolóxico? Ten falado de que o sector debería camiñar cara un futuro máis verde.

-O produto ecolóxico ten un nicho de mercado e hai que cubrilo, pero coa crise o poder adquisitivo diminuíu e os consumidores tenden a querer mercar máis barato, co cal eses produtos son seguramente os que máis estean sufrindo. Todos nese saco non cabemos e está habendo unha incorporación de produtores a ese sector superior ao que a demanda pode soportar. Si é certo que a PAC do futuro nos levará a ser un pouquiño máis verdes, coas esixencias dos puríns, o aproveitamento do biogás ou a necesidade de facer unha agricultura máis de precisión. Eu penso que a sostenibilidade e a gandaría intensiva poden ir da man.

-Moi de actualidade está, así mesmo, o veto á caza do lobo.

-O principal problema que temos aquí é que a estrutura territorial non permite ter prados cercados, o que leva a ter o gando moi disperso e en zonas nas que a fauna silvestre se acaba mesturando coa doméstica. Non son contrario nin ao lobo nin ao extensivismo, penso que habería que buscar un equilibrio e ter unha normativa que amparase tamén aos produtores, para que non estean sempre a expensas de axentes externos. Convivencia: que ecoloxistas e produtores se poñan uns nos zapatos dos outros.

-Cal cre que son as claves de futuro para o agro?

-Darlle valor engadido aos produtos e apostar pola innovación, as tecnoloxías e a formación. Ademais, deberiamos ser conscientes das potencialidades que temos para explotalas e mellorar a imaxe do sector, que está bastante denostada.

-Moitos estereotipos aínda.

-Si, aínda que creo que se remontan máis aos tempos do bum da construción. A xente valora agora moito máis quedar no agro e a proba pode verse en Fonteboa: fun hai un tempo falar cos mozos de primeiro de ciclo e, de 30 alumnos, 25 eran alleos ao mundo da gandaría e á agricultura, o que demostra que o sector está captando xente nova.