Patrocinado porPatrocinado por

José Manuel Rus: «Fan falta feiras coma a Moexmu, porque dignifican a vida do campo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

SOMOS AGRO

Rus salienta a importancia de organizar feiras que amosen o peso do sector gandeiro
Rus salienta a importancia de organizar feiras que amosen o peso do sector gandeiro PALACIOS

O coordinador do certame de Muimenta cre que haberá que adaptarse ás circunstancias cando se recupere a celebración

19 abr 2021 . Actualizado a las 09:52 h.

Esta primavera é algo rara para José Manuel Rus, que leva arredor de vinte anos de coordinador da Mostra Exposición de Muimenta. Por mor da pandemia a Moexmu non se celebrou o ano pasado nin tampouco ten lugar este 2021. Confesa que sente unha tranquilidade que lle faltaba cando andaba ocupado con cuestións da feira, que, por outra banda, tamén bota un pouco en falta.

—Para que é máis importante a Moexmu: para Muimenta, pola animación que lle dá e polo movemento económico que supón, ou para o sector gandeiro, que ten aí un escaparate?

—Para os dous. Hai gandeiros que xa chaman en decembro para saber se vai haber concurso. Para Muimenta, é importante: o movemento é notable, e nótase que non hai feira.

—Pode ser un problema recuperar o concurso de gando despois desta paréntese? Mesmo se comentou, hai semanas, que se podería organizar este ano aínda que non houbese feira.

—A miña impresión persoal é que haberá colaboradores que o terán difícil para seguir participando. Virán anos duros. Con ilusión fanse cousas, pero a ilusión non paga facturas.

—Fan falta feiras coma a Moexmu para amosar a importancia do sector gandeiro?

—Fan falta, porque dignifican a vida do campo, cousa que se di moitas veces na teoría pero que non se fai na práctica.

—A Moexmu organízase na comarca da Terra Chá, onde hai potentes explotacións gandeiras. É un reto especial amosar todo ese potencial?

—Foi un reto maior, creo eu, comezar a organizar a feira nos anos oitenta. Agora tamén o é, porque se trata do traballo dun ano, non dunha semana. O ano pasado, por exemplo, houbo que anular anuncios ou reservas unha semana antes e houbo que devolver subvencións. Todo iso leva tempo.

—Situémonos no 2022. Haberá feira outra vez? Será difícil organizala?

—Creo que o ano 2022 será un ano complicado e que algunhas situacións da nova normalidade van continuar. Haberá que adaptarse ao que veña.

—Que cambiou máis dende o comezo, a feira ou o sector gandeiro?

—A feira mesmo cambiou de data [comezou celebrándose en xullo e no 2002 pasou a ter lugar en abril]. A Moexmu foi un escaparate para que os gandeiros fosen cambiando; outras veces eran os gandeiros os que pedían os cambios. As dúas cousas van xuntas.

—Hai días, pouco antes das datas nas que a feira se celebraría se as circunstancias o permitisen, animouse á xente a subir ás redes sociais fotos da Moexmu para manter vivo o recordo. Cumpriuse o obxectivo?

—En certa maneira, si. A Moexmu e a Festa da Filloa [celébrase o 1 de maio e organízaa a mesma comisión que ese ano prepara a Moexmu] son algo que consideramos da nosa propiedade. Non hai casa na que que non haxa unha ou dúas persoas que colaboren. Son algo propio.