Patrocinado por

Moratoria para plantacións de eucalipto

Ramón Reimunde

SOMOS AGRO

17 abr 2021 . Actualizado a las 19:57 h.

Como asinamos varias asociacións de silvicultores da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, encabezadas pola AFG (Asociación Forestal de Galicia), en carta enviada o pasado 14 de abril, día da República, ao conselleiro de Medio Rural, aceptariamos ese Regulamento das repoboacións co xénero Eucaliptus, consecuencia do Plan Forestal de Galicia que se aprobou e no que colaboramos, coa conseguinte moratoria posterior para prohibir as plantacións de variedades desa especie onde non estivera xa plantado antes, mais con algunhas contrapartidas que suxerimos engadir nese escrito, e que son as que seguen: Diálogo de todo o sector forestal para consenso dun sistema de control da superficie de eucalipto, conforme á demanda industrial e a unha produción eficiente e rendíbel, por suposto certificada e ordenada. Réxime de axudas aos silvicultores en montes de frondosas e coníferas para compensar a menor rendibilidade e maior quenda de espera que o eucalipto. Recursos públicos á sanidade dos montes e investigación en mellora xenética. Dotación de mellores infraestruturas de transporte e eliminación de taxas. Creación de industrias derivadas da madeira innovadoras e cadea de valor.

Ese decreto de publicación próxima sobre a dita moratoria supón a eliminación dun dereito fundamental da propiedade forestal, plantar nela o que crea conveniente o dono sen prexudicar a terceiros, o que afecta a millares de silvicultores na Mariña que viven diso, e causa forte controversia entre os que están a favor e en contra do eucalipto, que como todas as árbores non é nin bo nin malo, senón que todo depende dunha boa xestión sustentábel en lugar adecuado. non prohibido polas leis existentes.

Os propietarios de monte estamos sometidos á ditadura telemática da Administración da Xunta e dependentes de xestorías e compradores para solicitudes e permisos. Moi mal. A moratoria a plantacións novas non só deberá facerse para contentar aos ecoloxistas e urbanos paseantes, por moita razón que teñan ao apostar pola biodiversidade autóctona, senón que debe aparecer por pura necesidade ambiental e económica, dado que xa temos demasiado eucalipto na Mariña e na costa Norte, que ocupa o 75% do territorio polo menos, quizá un millón de toneladas para cortar en cada concello, se non demostra o contrario o de momento inexistente Inventario. Iso representa unha oferta desmesurada ante a limitada demanda dunha soa fábrica de pasta de papel, que baixou os prezos do glóbulos e non cumpre promesas, e non digamos da cantidade excesiva de nítens que se plantou nos últimos anos, equivocada, en vez de regnans , piñeiro e glóbulos e outros.

No futuro temos varios retos que superar co eucalipto, como a mellora da silvicultura e xenética, a certificación FSC ou PEFC, a perda de produtividade do solo por varias cortas sucesivas, a planificación do mercado e, sobre todo, a falta de relevo xeracional, pois os novos non se ocupan disto dos montes e non saben, até que cobran madeira. A plantación de eucalipto é un cultivo industrial coma outro calquera, de tomates ou millo, sometido a pragas específicas do monocultivo como o goníptero ou micosforela. Isto non é unha Re Pública, agás nos montes en man común. Non me meto co que pase en Castroverde ou Pastoriza, onde conculcan un dereito aos propietarios. Só digo que é unha barbaridade eliminar magníficas plantacións de piñeiro que chegarán a valer moito para plantar nítens, que chegará a valer moi pouco. Porque agora mesmo todas as empresas están a cortar a toda présa piñeiro no interior de Lugo para poder plantar nítens, até que chegue a moratoria e volvan os aproveitantes cortar eucalipto á Mariña. Aí os esperamos no verán: ten que subir a madeira cos prezos actuais da pasta de celulosa, pois se non soben os prezos do glóbulos non cortaremos. Medrarán para rolla.