Patrocinado porPatrocinado por

«O campus de Lugo non ten nada que envexar a outros en investigación»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PaLACIOS LUGO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Castrillo cre que o Campus Terra está a desenvolver un gran labor
Castrillo cre que o Campus Terra está a desenvolver un gran labor ALBERTO LÓPEZ

Pedro Castrillo, coordinador de AgroMar,  salienta o traballo do Campus Terra

20 feb 2021 . Actualizado a las 12:42 h.

AgroMar indica unha realidade socioeconómica con dúas caras distintas pero presentes na provincia de Lugo e no resto de Galicia. Os membros da agrupación de investigadores do campus de Lugo tiveron en conta eses dous trazos cando elixiron o nome, pero tamén quixeron expresar que o traballo da USC ten algo de semente: despois da formación, nacen proxectos de investigación. Pedro Castrillo (Lugo, 1991) é o coordinador do grupo, aínda que xa lle queda pouco para cumprir dous anos no posto e deixar paso a outra xente. Está a traballar na súa tese de doutoramento, na Facultade de Veterinaria.

-Lugo ten un sector primario potente. Como se relaciona investigación e produción?

-A tendencia é que se poida chegar a unha produción sostible, que non prexudique á sociedade nin ao medio ambiente. A sustentabilidade é un concepto clave para a produción forestal e animal. En Veterinaria deféndese a sanidade animal e o benestar animal. Cada un ten o seu ámbito e traballa para defender esa premisa.

-O campus de Lugo é relativamente novo. Ten o nivel doutros?

-Si. O Campus Terra está vencellado coa zona rural e coa acucática. Fai un labor imprescindible.

-Ten algo que envexar a outros centros de investigación?

-Por suposto que non ten nada que envexar. Somos un punto de referencia en ámbitos coma a produción forestal ou o benestar animal.

-Hai eficaz conexión entre a investigación universitaria e a actividade do sector primario na provincia?

-É o que se tenta facer. Unha das funcións da Universidade é a transferencia de coñecemento para actividades da vida cotiá. Hai traballos de AgroMar que buscan aplicación no gando porcino, no gando vacún, na produción de toneis e no sector da madeira en xeral, na acuicultura...

-Que sensación se recibe a cambio de facer ese traballo?

-A satisfacción de que o traballo que se fai é unha mellora para a sociedade en xeral: téntase facer un mundo e unha sociedade mellores. Co coñecemento téntase mellorar a maneira de actuar ante os problemas. Pode parecer algo abstracto, pero non o é.

-Lugo ten monte, campo e mar. É esa variedade unha satisfacción para o investigador?

-Si, por suposto. Pero ao final os investigadores céntranse en problemas concretos e en cuestións específicas. Tentamos resolver problemas concretos de cada ámbito, e cada sector é un mundo.

-Percibe a sociedade a importancia da investigación?

-Percíbese parcialmente. A sociedade ten que estar receptiva, e nós temos que trasladar ese coñecemento. Queda moito por mellorar.

«Un dos problemas que temos é a falta de estabilidade»

Os membros de AgroMar estudaron no campus de Lugo, no cal están agora a investigar. Porén, non teñen a seguridade de que a súa vida profesional vaia seguir vencellada cos centros nos que se formaron. «Un dos problemas que temos é o da falta de estabilidad. Dependemos de convocatorias anuais e de financiacións temén inestables», di Castrillo. Gustaríalle que se lle dese á investigación a mesma importancia que en países coma Portugal.