Patrocinado porPatrocinado por

«Está ben vender queixo fóra, pero o principal comprador debe ser galego»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Carrera di que axuda moito a venda de gran parte da produción a tendas e a supermercados
Carrera di que axuda moito a venda de gran parte da produción a tendas e a supermercados OSCAR CELA

O presidente da Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, Xosé Luis Carrera, salienta que no mercado español hai aínda  marxe para aumentar as vendas

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense dito nestes últimos meses, nos que o covid-19 modificou a vida cotiá, que o sector primario podía resistir a situación mellor ca outros; tamén se ten falado da importancia da produción alimentaria para un país. Eses dous trazos están presentes nunha actividade coma a elaboración de queixo. A D.O Arzúa Ulloa, cunha traxectoria comezada na década dos noventa e con presenza en varias comarcas da Galicia central, está a ter un 2020 que semella permitir un certo optimismo. Xosé Luis Carrera, nado en 1963 e residente en Albá (Palas de Rei), ve o vaso máis cheo ca baleiro. 

-Está a ser bo este ano para o queixo de Arzúa-Ulloa?

-Digo que non é un ano que estea sendo malo. Estamos ao nivel do ano pasado, case mellorando un pouco.

-Por que un ano coma este, tan diferente en case todo, pode ser bo?

-Falamos, en primeiro lugar, de produción de alimentos. En segundo lugar, o 75 % da produción, no noso caso, véndese en Galicia; véndese outra parte no resto de España, e para a exportación só queda un cinco por cento. Por outra parte, baixaron as vendas á hostalaría e á restauración, pero non son eses os nosos principais compradores; sono as tendas e os supermercados.

-Canto axuda, para poder manter as vendas, que sexan tendas e supermercados os principais compradores do queixo?

-É certo que unha parte, a da hostalaría e a da restauración, non se vende; pero axuda moito estar nas tendas e nos supermercados.

-Cre que o 2021 tamén poderá ser bo?

-Creo que un produto con denominación de orixe non está tan exposto aos vaivéns do mercado coma outro que non a teña e que pode medrar en vendas dunha maneira equilibrada. Se, por outra banda, se fala de economía circular, de produtos de proximidade, de mercados locais, nós xa somos todo iso.

-Anticipouse a Denominación de Orixe Arzúa Ulloa a estratexias de mercado que hoxe semellan correctas?

-Temos defendido que o nos principal consumidor debía ser o galego, non conquistar outros mercados sen ter o noso ben gañado. É certo que a nosa filosofía se adapta ás circunstancias actuais. Está ben vender fóra, pero noso principal comprador debe ser o galego; e nestes tempos que se aveciñan, mellor aínda.

-Pódese pensar xa na exportación coma unha das estratexias importantes a curto ou a medio prazo?

-Temos a produción que temos, e temos que competir con outros queixos que desexan ocupar o noso espazo. No mercado español hai aínda abonda marxe sen ter que vender fóra de España. O mercado estranxeiro está ben, pero aínda temos campo para medrar no mercado español.

-Decátase a xente do valor do produto galego?

-Creo que hai unha valorización dos nosos produtos. Entendo que o queixo é un sinal da identidade nosa como país. Tod o que se leva feito na promoción do produto axuda a que o recoñecemento sexa alto. Non está todo feito no mercado, pero téñense dado pasos importantes.

-Tocouse xa teito na produción ou aínda non?

-Non o sabería dicir. O que si é certo é que nestes tempos estamos a manternos. Movémonos nun nivel duns tres millóns e medio de quilos ao ano: son niveis aceptables, creo que importantes. Podemos medrar máis? Seguramente. Pero na nosa denominación de orixe sempre priorizamos a calidade sobre a cantidade.

«Somos un elemento de fixación de poboación e turístico»

A Galicia que produce moito leite é a mesma Galicia que non sempre consegue xerar valor engadido a ese leite. Carrera cre que o labor feito nestes anos serviu para iso e para conseguir tamén outros obxectivos, sen esquecer que nas comarcas onde se fabrica o queixo hai máis materia prima ca a destinada a esta elaboración. Por outra banda, hai concellos incluídos na D.O. Arzúa Ulloa que están situados no Camiño de Santiago, o cal garante o paso de milleiros de peregrinos cada ano, co que iso supón na presentación do produto.

«O que vemos é que a nosa denominación de orixe axudou a dar valor engadido -di Carrera-. Nunha zona desfavorecida, da Galicia, interior, somos un elemento de fixación de poboación e un elemento turístico. A gastronomía é en Galicia un factor importante, e o produto acada valor pola transformación e pola dimensión turística».

-Feiras coma, por exemplo, a de Arzúa puideron celebrarse este ano porque xa estaban programadas para datas anteriores ao estado de alarma; outras quedaron anuladas. Canto inflúe o feito de poder ou non poder organizalas?

-As feiras son unha exaltación do produto, pero non inflúen tanto nas vendas. O que si é certo é que calquera promoción é importante. Baixan as vendas se deixamos de facer calquera campaña? Vese máis adiante. Para nós, as vendas nunha feira non son moitas, pero si é certo que axudan a promocionar o produto. Coas feiras sempre se acada unha certa repercusión no mercado, e iso é bo.

[A feira do queixo de Arzúa tivo lugar os días 29 de febreiro e 1 de marzo. O programa contou con actuacións musicais e coa presenza da actriz Benedicta Sánchez como pregoeira. A feira acadou este ano as 45 edicións].