Patrocinado porPatrocinado por

«Facer un viño de calidade axudou a subir a autoestima na Ribeira Sacra»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Mouriño cre que hoxe a Ribeira Sacra é un referente
Mouriño cre que hoxe a Ribeira Sacra é un referente OSCAR CELA

José Mouriño cre que a mellora da viticultura se fixo cunha aposta ben pensada dende o comezo 

20 oct 2022 . Actualizado a las 14:21 h.

O viño da Ribeira Sacra é coñecido dentro e fóra de España, cun amplo recoñecemento de expertos. A comarca onde se elabora non é nin moito menos descoñecida e tense convertido nun dos principais destinos turísticos da Galicia interior. Seguramente non ocorrería o segundo sin o primeiro, e trátase dunha historia xurdida nas últimas décadas.

José Mouriño (Xermade, 1948) —enxeñeiro técnico, biólogo e funcionario da Xunta xubilado— vén de escribir un libro, Ribeira Sacra, no que lembra o proceso de creación da Denominación de Orixe do viño, no que participou por razóns profesionais.

—Vaiamos trinta anos atrás. Poderíase pensar que se recoñecería a actual Ribeira Sacra?

—Non. Cando daquela se comezou a traballar o tema do viño, non se pensaba que evolucionaría como evolucionou. A miña teoría é a mesma: tes que saber como empezar; unhas veces terás máis resultados, e outras, menos. O que non se pode facer é estar quieto nin moverte por moverte.

—Como estaba o viño na Ribeira Sacra hai trinta anos?

—Unhas zonas estaban un pouco máis avanzadas ca outras; pero polo xeral o viño estaba decaído, lonxe do que hoxe entendemos por calidade. Cada viticultor facía o que podía dentro do seu illamento, e moitos tiraban proveito desa xente. Insisto en algo que xa teño dito: se daquela non se elixise a vía da calidade, non se podería competir. Iso é fundamental: se nun produto non tes mercadoría para ser competitivo, pola vía da cantidade non podes ir e tes que elixir a calidade, que é o trazo dunha denominación de orixe.

—Facer un viño de calidade axudou a subir a autoestima?

—Sen dúbida. Daquela, nos viticultores había unha reacción de non saber en que podía consistir o proxecto; pero se lles falabas dunha denominación de calidade, si lles dabas autoestima. Se non o considerasen así, sería imposible avanzar. Teríase feito algo, pero daquela maneira. Xa había outras denominacións en Galicia, pero o seu funcionamento era mellorable, como anos despois, de feito, ocorreu.

—É o viño da Ribeira Sacra un exemplo do que se pode facer cun produto para melloralo?

—Obviamente. Pero hai que traballar, marcar os obxectivos e buscar os medios para conseguilos. Se non hai un obxectivo claro, fallarase en todo. Pode o viño axudar a mellorar unha comarca? Si. Pero falar diso cando se comezaba era case como falar de parvadas. Si había un grupo de xente que cría no proxecto, e iso foi o importante. A comarca mellorou e aínda segue a mellorar. O viño foi un estímulo, pero hai máis cousas. Algúns crían que o viño podía ser a panca que mellorase a comarca. Non se inventou nada: había que ter un obxectivo claro e ver as couas que se podían conseguir. O que si había era unha materia prima que podía dar xogo tendo en conta o terreo, o clima e os gustos dos consumidores nun futuro.

—Foi o viño o que promocionou a Ribeira Sacra ou foi a Ribeira Sacra o territorio que lle deu fama ao viño?

—Cando se comezou, ninguén falaba de Ribeira Sacra, non se pensaba niso. Escolleuse o nome por dúas cuestións: a primeira, porque é efectivamente unha ribeira; a segunda, porque se vencellaba coa arte románica.

—Pódese facer un balance positivo?

—Sen dúbida. A Ribeira Sacra hoxe vai camiño de ter a declaración de Patrimonio da Humanidade. Cando se comezou co proceso do viño, parecía unha paisaxe decaída. Unha produción ordenada mellora a paisaxe.

—Como é vista dende fóra a Ribeira Sacra?

—Vista dende dentro, a evolución é evidente. Vista dende fóra, obsérvase que un territorio pequeno coma a Ribeira Sacra é un referente no viño e no turismo. Non se podería esperar máis.