Patrocinado porPatrocinado por

«Os prezos no campo baixaron, incluso máis do debidamente xustificado»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

PACO RODRÍGUEZ

O responsable de Ternera Gallega está preocupado polas dificultades dos gandeiros para vender os tenreiros

24 may 2020 . Actualizado a las 11:51 h.

O sector do vacún de carne non está a atravesar un dos seus mellores momentos. A crise do coronavirus coincidiu cos meses nos que Galicia ten exceso de gando para saír ao mercado, e todo iso está provocando dificultades para colocar os tenreiros e unha baixada dos prezos que perciben os gandeiros. Desde o consello regulador, que preside Jesús González, insisten en que a comunidade precisa unha maior profesionalización do sector, algo que implica a programación dos partos nas granxas, pero tamén a aposta pola transformación da carne, para darlle máis valor engadido, elaborando mesmo produtos precociñados.

-Como está afectando a crise do coronavirus ao Consello Regulador da IXP Ternera Gallega?

-Non cabe a menor dúbida de que debido á pandemia do coronavirus o ano 2020 está sendo complicado para todos os sectores produtivos e para o conxunto da sociedade, e desde logo tamén para Ternera Gallega. Estanse vendo afectadas a nosa saúde, a situación económica, os nosos hábitos de vida e mesmo o noso comportamento, e todo no seu conxunto inflúe no consumo. No Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia tamén sufrimos e somos parte desta problemática. En primeiro lugar, preocúpanos a saúde de todos os que conformamos o sector de vacún de carne de calidade en Galicia, pero tamén nos preocupa a baixada dos prezos dos tenreiros, as dificultades para a comercialización de determinadas pezas de carne como consecuencia do peche do eido da restauración e a evolución do consumo da carne de vacún nos fogares, así como as consecuencias a curto e medio prazo da crise económica.

-Ao principio houbo un crecemento no mercado, pero agora caeron as vendas ou mantéñense?

-A venda de carne certificada pola IXP Ternera Gallega nos supermercados e carnicerías mantense en cifras similares ás doutros anos nesta mesma época, pero o peche da restauración e da hostalaría estase deixando sentir, especialmente nalgunhas pezas concretas do canal que se destinan a estes establecementos (costelar, faldra…).

-O prezo da carne nos mercados estase mantendo. Tamén se mantén o prezo que perciben os gandeiros?

-Os prezos no campo baixaron, incluso máis do debidamente xustificado, xa que, por encima, nestes meses sempre temos en Galicia exceso de gando para saír ao mercado, dada a falta de planificación dos partos. Hai variacións dos prezos á baixa que oscilan arredor de 0,30-0,60 euros por quilo de canal, sen lugar a dúbidas como consecuencia da conxunción destes dous factores negativos: o exceso de oferta de animais e as consecuencias derivadas do covid-19. Habitualmente, a carne amparada pola IXP Ternera Gallega acada uns prezos razoables, por enriba da media española, aínda que deberían ser maiores tendo en conta a calidade da nosa carne.

PACO RODRÍGUEZ

-Que medidas se están adoptando desde o consello regulador ante esta situación?

-En primeiro lugar, dicir que o consello regulador fai un labor de control para garantir a calidade, a orixe e a trazabilidade da carne. Agora ben, as prácticas comerciais, as políticas de prezos e os contratos entre os gandeiros e as industrias, así como os acordos coa distribución, son cuestións que están totalmente fóra dos ámbitos de actuación da IXP. En todo caso, o consello regulador é consciente da problemática da comercialización e dos prezos no sector, tanto dos xatos como da carne. Por iso, nos últimos meses acordamos varias medidas normativas e accións promocionais. Este ano entrou en vigor a ampliación da idade de sacrificio ata os 12 meses baixo a categoría comercial tenreira, co obxectivo de adaptarnos á normativa europea, evitar a desvalorización do produto como consecuencia de chamarlle añojo xa aos dez meses e, sobre todo, lograr unha maior flexibilidade á hora de comercializar os animais. Desde o punto de vista técnico, hai que profesionalizar a produción de carne. O consello leva anos organizando xornadas e charlas nas que se vén insistindo na necesidade imperiosa de facer programación de partos nas explotacións gandeiras para evitar o exceso de animais e as tensións comerciais que se producen en determinados meses do ano, pero non obtivemos resultados. No marco da IXP Ternera Gallega, nos meses de marzo, abril e maio hai preto de 15.000 tenreiros por mes para saír ao mercado, mentres que nos meses de xullo, agosto e setembro apenas se superan os 8.000. Este enorme desfase dáse sobre todo na produción tradicional, ou sexa, en Ternera Gallega Suprema, e dificulta enormemente conseguir unha comercialización regular e a uns prezos óptimos e estables. Ademais, o consello tamén realiza un esforzo significativo na información aos consumidores ano tras ano sobre a carne certificada por Ternera Gallega, apoiada por accións promocionais de todo tipo.

-Tamén se optou por autorizar a conxelación da carne sen que perda a protección da IXP. Como está funcionando esta medida?

-Coa entrada en vigor do estado de alarma, produciuse unha freada na comercialización de certas pezas cárnicas -sobre todo, o costelar e a faldra-. O consello regulador actuou con celeridade, e de acordo coa Consellería do Medio Rural puxemos en marcha unha modificación do regulamento que permite que as pezas de carne se conxelen mentres dure o estado de alarma. Estas poderanse comercializar baixo a protección da IXP Ternera Gallega ata o 31 de decembro deste ano. Esta medida temporal e extraordinaria, tomada con rapidez, tamén demostra a vontade do consello regulador de axudar ao sector, buscando por un lado garantir o ritmo de saída e sacrificio dos animais, e por outro paliar a caída dos prezos percibidos polos gandeiros. Aínda non é posible valorar a transcendencia desta medida, xa que é necesaria unha análise global da súa implantación no conxunto do sector. En canto á resposta dos consumidores, pensamos que pode ser favorable se teñen en conta que estas pezas proveñen de animais criados en Galicia respectando a normativa e as condicións establecidas pola IXP sobre a súa calidade, orixe e trazabilidade, e que a conxelación non mingua nin as súas propiedades nutritivas nin as súas características culinarias.