Patrocinado porPatrocinado por

Axudas de 13 millónes de euros para previr os incendios e incrementar o valor ecolóxico dos montes

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

RAMON LEIRO

Medio Rural convoca unha nova orde que dará prioridade ás accións en espazos afectados polo nematodo e que reducirá os requisitos de superficie mínima de actuación

29 ene 2020 . Actualizado a las 10:46 h.

Ata trece millóns de euros repartirá a Consellería do Medio Rural entre as diferentes entidades que se ocupan da xestión do monte co fin de financiar actividades que axuden a previr os incendios e a incrementar o valor ecolóxico destes espazos. O Diario Oficial de Galicia publica a orde de axudas, que nesta convocatoria inclúe dúas novidades. A primeira, que se lle dará prioridade ás accións realizadas en montes afectados polo nematodo. A segunda, que se reducen os requisitos de superficie mínima de actuación.

As subvencións están destinadas a realizar accións silvícolas nos montes galegos co fin de incidir na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais. Tamén queren incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais da comunidade. Están confinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural. A orde conta con dúas liñas de axudas para realizar tratamentos silvícolas. A primeira, dotada con nove millóns de euros, busca promover prácticas como rozas, desmestas, rareos e podas co obxectivo de previr os incendios. A segunda, cun orzamento de catro millóns, persegue incrementar os valores ecolóxicos dos montes que non teñan carácter produtivo a través das mesmas tarefas, pero tamén de plantacións puntuais de determinadas árbores.

Os beneficiarios desta convocatoria poden ser sociedades de fomento forestal, propietarios particulares, agrupacións de propietarios inscritas no rexistro da Xunta, cooperativas agrarias e proindivisos. Tamén, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e comunidades de montes veciñais en man común.

Con cargo a estas subvencións poderán financiarse rozas, podas e rareos que inclúan o aproveitamento dos restos de coníferas como biomasa. Tamén, tratamentos silvícolas en masas frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, así como a rexeneración e mellora de soutos e castiñeiros. A novidade deste ano é que se dará prioridade ás accións que se leven a cabo en zonas afectadas polo nematodo, que se reducirán os requisitos de superficie mínima de actuación e que as empresas contratadas deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal. O prazo para presentar as solicitudes é de 30 días.

Esta é xa a quinta convocatoria de axudas silvícolas que se fai no marco do programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Os catro anteriores aglutinaron case 1.700 beneficiarios, que recibiron 43,5 millóns de euros para actuar en máis de 24.000 hectáreas de monte galego.

Mais información en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200127/AnuncioG0426-231219-0001_es.html