Patrocinado porPatrocinado por

26 millóns de euros para mellorar a transformación e a comercialización de produtos agrarios

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

MARTINA MISER

Medio Rural convoca a liña de axudas para o período 2020-2022 que permitirá ás industrias ampliar ou modernizar as súas instalacións

24 ene 2020 . Actualizado a las 13:56 h.

Nos próximos tres anos, o sector agroalimentario galego disporá de 26 millóns de euros para mellorar, ampliar ou modernizar as súas instalacións. Tamén, para poñer en marcha novas industrias. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. As achegas desta convocatoria contan cunha dotación orzamentaria total de 26 millóns de euros e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A iniciativa conta con presuposto total de 26 millóns de euros, dons que algo más de 12,6 millóns están consignados para o ano actual. Hai 11,1 millóns máis para o 2021 e 2,2 millóns para o 2022. Explican en Medio Rural que estas axudas teñen carácter plurianual ao estar destinadas á realización de grandes obras. Así, a orde ten por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Poderán presentarse a esta convocatoria os empresarios ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables. Tamén se poderá sufragar a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Os solicitantes terán, ademais, un prazo de tres meses para presentar a licenza de obras, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para presentar o informe favorable de avaliación ambiental. Mais información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200124/AnuncioG0426-261219-0001_gl.html